O certame “Unha imaxe para a lingua” xa está pechado. Máis dun cento de traballos compiten polos premios. O día 23 de xuño darase a coñecer a decisión.
A lingua non poderá queixarse de que non ten quen a retrate. Até a redacción de Vieiros chegaron, en só seis semanas, preto dun cento de fotografías. Os enfoques sobre a lingua son variados e, en moitos casos, incluso sorprendentes. Menos animada estivo a categoría de vídeos. Só tres traballos, aínda que ben meritorios, entran en concurso. Podedes ver aquí todo o material.
Agora será un xurado o que decida o gañador de cada sección. Formarán parte do mesmo o fotógrafo Manuel Sendón; o tamén fotógrafo e xornalista Roberto Ribao; e César Galdo, licenciado en Ciencias da Comunicación e recentemente premiado nun certame de vídeo organizado polo Centro Multimedia de Galicia. Lois Rodríguez, editor de Vieiros, exercerá como secretario, con voz pero sen dereito a voto. O vindeiro sábado 23 de xuño daranse a coñecer os traballos premiados.