Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Dereitos e liberdades en Galiza en 2006

O Movemento polos Dereitos Civís presenta o seu informe anual

Entre outros artigos, avalía a chamada Operación Castiñeiras, o operativo xurídico-policial montado contra círculos independentistas galegos.

Redacción - 11:00 17/06/2007
Un momento da presentación do informe, este xoves en Compostela

Un momento da presentación do informe, este xoves en Compostela

O Movemento polos Dereitos Civís, MpDC, presentou este xoves en Compostela o Informe 2006, que pretende servir como radiografía do estado dos dereitos e liberdades en Galiza. Xosé María Fernández, avogado membro do MpDC, afirmou no acto que abonda con ler o relatorio para "decatarse da importancia que ten nos nosos días a existencia de asociacións como o MpDC", e a publicación anual deste informe.

Entre os colaboradores salientan o escritor Antón Dobao, que fixo a presentación este ano; o tamén escritor Rafa Villar; membros de ADEGA; Xosé Antón Brandariz, profesor de Dereito Penal na Universidade da Coruña; Antolín Alcántara, membro da executiva da CIG; Braulio Amaro, das Bases Democráticas Galegas; e asociacións como Ceivar ou PRES.O.S.

Galegofalantes no Estado

Miguel Anxo Fernández, outro dos presentadores do informe, salientou a publicación dos traballos premiados no Certame de Dereitos Civís, relativos aos dereitos dos galegofalantes fóra da Comunidade Autónoma e á deslocalización de datos no telemárketing.

Os outros destacados son artigos de avaliación crítica arredor de dous asuntos que tiveron certa relevancia no ano 2006: a chamada Operación Castiñeiras, operativo xurídico-policial montado contra círculos independentistas galegos, e outro con reflexións en torno ao chamado 'vandalismo', "asunto que desde o poder político se está a enfrontar cunha forte carga demagóxica".

Críticas ás administracións

Por último, Alexandro Martín explicou que no informe se fai unha avaliación pormenorizada do estado dos dereitos fundamentais en Galiza. Neste sentido recóllense reflexións sobre unha grande variedade de temas como o fraude de datos, as cargas policiais na Coruña, os dereitos dos estranxeiros, a igualdade ante a lei, o dereito á liberdade de expresión, á folga e á libre sindicación ou á educación e á vivenda.

Tamén, de xeito crítico, se analiza a actitude mantida por distintos organismos públicos -Delegación e Subdelegacións do Goberno español, Administración de Xustiza e diferentes concellos, como os da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo ou Vigo- en relación a diversas actuacións levadas a cabo polo MpDC, así como por outras persoas e colectivos, o que demostra que a actividade do MpDC "molesta ás administracións, e moito".


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: