Dende a quinta até o domingo o equipo galego correrá por terras veciñas, tentando gañar o primeiro premio da súa curta historia.
O Karpin Galicia desprazouse a Portugal para disputar do 14 ao 17 o GP CTT de Correios, carreira UCI do calendario que se iniciará cunha etapa de 197 Qms. entre Santo Tirso e Poboa de Varzim. O equipo galego, segundo na Clásica de Almería e na contrarreloxo da Bicicleta Vasca, buscará en terras portuguesas unha vitoria, aínda que para iso terá que vencer a oposición doutros dezaseis equipos.
Jesús Blanco Villar, que asumirá a dirección deportiva do Karpin Galicia nesta proba, terá á súa disposición aos corredores Eladio Jiménez, David García, Gustavo Domínguez, Juan Mourón, Gustavo C. Veloso, Eduard Vorganov, Isidro Nozal e Luís F. Oliveira.
A longa distancia das dúas primeiras etapas, próxima aos douscentos quilómetros, constituirán tamén unha boa preparación con vistas ao campionato estatal, que será a seguinte competición que abordará o equipo galego.