O recinto de Silleda acolle unha nova edición no medio dunha forte crise económica e de identidade.
A Semana Verde de Galicia abre hoxe a súa trixésima edición. O aniversario é agridoce. Aínda que o recinto silledense vai acoller até o domingo máis de 1.700 expositores de 32 países diferentes, a institución feiral tamén arrastra unha forte crise económica e de identidade.
A xestión do recinto é un crebacabezas para a Xunta. A Consellaría de Presidencia ten un peso específico nunha fundación feiral que, en boa lóxica, debera estar máis supeditada, pola súa vocación agrogandeira, á Consellaría de Medio Rural. Porén, logo de máis de dous anos de goberno, socialistas e nacionalistas aínda non foron quen de pórse de acordo para unha redefinición que é xa inaprazábel.
Un dos obstáculos tradicionais era o sempiterno presidente da fundación, Xosé Maril. Mais o silledense, logo de moitas críticas, deixa o cargo a finais de ano. A súa saída abrirá unha máis que posíbel negociación entre socialistas e nacionalistas para ver quen queda finalmente coa tutela da institución.
Crise estrutural e petos rachados
Sen dúbida, na crise da Semana Verde tamén influíron factores estruturais. O sector agrogandeiro pouco ten que ver co que había cando naceu a feira. A década dos oitenta marcou o inicio dun éxodo no rural. Un exemplo é o que aconteceu coas granxas de leite, que pasaron de 100.000 a pouco máis de 14.000 na actualidade.
Mais tamén hai quen pensa que o rumbo do recinto non foi o máis acertado. Tal e como revelaba o pasado mes de xaneiro Vieiros, os gobernos Fraga gastaron, entre o ano 1991 e 2000, máis de 60 millóns de euros en apoiar o recinto. As axudas non lograron endereitar o rumbo da Semana Verde.
Por se fose pouco, algunhas das obras para as que ían destinados eses cartos acabaron no xulgado. A empresa FCC reclamoulle seis millóns de euros por uns traballos que non se cobraron. Pola súa parte, a dirección da Semana Verde tamén decidiu denunciar á empresa por incumprimento do pactado.
Un escaparate sen lumes de artificio
No medio do rebumbio, os traballadores amosaron a principios de ano a súa preocupación polo futuro da institución. Os operarios temían polo seu futuro laboral e esixíanlle á Xunta “políticas claras” orientadas a relanzar o recinto.
Estes días a organización feiral agarda que por Silleda pasen 100.000 persoas. O luns as macroinstalacións volverán estar baleiras e a moeda outra vez no ar. A Xunta deberá buscar a fórmula de orientar unha institución que precisa de novas ideas para ser o que case nunca logrou: ser o auténtico escaparate do sector cara ao mercado interno e externo.