Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O DESPROPÓSITO DA CIDADE DA CULTURA TAMÉN TEN UN ANTECEDENTE EN SILLEDA

O anterior executivo gastou máis de 60 millóns de euros en apoiar sen éxito a Semana Verde

A Cidade da Cultura non é, nin moito menos, a única obra faraónica que desconcerta o bipartito. Máis desapercibida mediaticamente pasa a chamada Semana Verde de Galicia, en Silleda. As instalacións, que no seu día foron denominadas como o gran escaparate do agro galego, levan anos con buracos. Segundo datos aos que puido ter acceso Vieiros, entre 1991 e 2000 a Xunta de Galicia gastou algo máis de 61 millóns de euros do erario público no recinto de Silleda. O enorme investimento non serviu para darlle azos a un organismo en permanente crise. Esta mesma semana os traballadores do recinto subliñaban que hai perigo dunha creba económica a curto prazo. A pataca, ben quente, está nas mans do actual goberno.

- 10:14 11/01/2007
Tags:

Como quen non quere a cousa, o recinto feiral da Semana Verde de Galicia, en Silleda, converteuse nunha pequena Cidade da Cultura. Entre 1991 e o ano 2000 diversos departamentos da Xunta investiron máis de 61 millóns de euros no complexo dezao. O 5 de setembro de 1991 o Consello da Xunta destinou preto de 29 millóns de euros á construcción do actual recinto. En xaneiro de 1994 o mesmo órgano concretou outros 13 millóns de euros para ampliacións das infraestruturas. Por se isto fose pouco, en setembro de 1996 modificouse este último acordo e púxoselle unha "addenda" de máis de cinco millóns de euros para o remate das edificacións. No mesmo período analizado, entre 1991 e 2000, a Semana Verde recibiu preto de 14 millóns de euros para actuacións "de promoción".

Mais non só a Xunta "enterrou" cartos no complexo trasdezao. Hai que ter en conta que a Deputación de Pontevedra, que tamén está presente no padroado, investiu diñeiro público para revivir o recinto feiral. Segundo puido saber este xornal, o Consello de Contas está auditando os resultados presentados no seu momento pola Fundación Semana Verde de Galicia. Dende o ano 2000, a Xunta decidiu ir pechando a billa dos cartos. Logo de tanto investimento os resultados non eran, nin moito menos, os agardados.

A pasada semana os representantes do medio cento de traballadores da Semana Verde denunciaban o estado crítico no que se atopan as finanzas do recinto feiral, algo que nega categoricamente o seu presidente, Xosé Maril. Os operarios temen que haxa recortes de persoal e incluso que o proxecto morra. Mentres, o novo bipartito ten nas mans unha pataca moi quente. Todos coinciden en que é preciso sanear as contas e diagnosticar como se chegou a esta situación.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: