Vivenda e Política Territorial achegarán case 700.000 euros á campaña, que se desenvolve no ensino obrigatorio.
Web do Proxectoterra
A Xunta vai axudar a financiar o Proxectoterra, un programa ideado polo Colexio de Arquitectos para concienciar as novas xeracións sobre a preservación do patrimonio e a integración das construcións no territorio. As consellarías de Vivenda e Solo e mais Política Territorial, Obras Públicas e Transportes achegarán, a partes iguais, un total de 689.500 euros á campaña.
O investimento destínase á elaboración dos materiais e actividades didácticas do Proxectoterra, co obxectivo de formar e ampliar os coñecementos da cidadanía en temas relacionados coa planificación territorial e educar a xente nova neses principios. Por iso, vai dirixido aos niveis de formación obrigatorios (ESO).
O programa aspira a achegar o estudantado á arquitectura, e ten o triplo obxectivo de chegar á totalidade da poboación dende o ensino, de superar a visión da arquitectura como un simple estudo das formas e de contribuír a valorar o patrimonio construído herdado. O material didáctico divídese nos tres ámbitos do Proxectoterra: arquitectura popular, arquitectura contemporánea e identidade territorial.