A ICANN, o ente que rexe os dominios, fai un chamamento para recoller opinións sobre a creación de novos identificadores. Mentres, o dominio de internet para a cultura do país segue a sumar apoios.
A recollida de sinaturas a favor de Puntogal, o dominio de internet de primeiro nivel para a lingua e a cultura galegas, acaba de superar a barreira das 6.000 adhesións.
A campaña para colleitar apoios individuais ao “.gal” comezou hai cinco meses. Neste tempo, a asociación promotora da iniciativa proseguiu os contactos para conquistar o respaldo das institucións. Entre as que xa se pronunciaron a favor están a Xunta, o Eixo Atlántico e o Concello de Rianxo.
Nova xuntanza da ICANN este mes
Cómpre lembrar que a ICANN, o ente responsábel da concesión de novos dominios, aínda non abriu a convocatoria para a creación de novos identificadores. Na súa última asemblea en Lisboa, informou de que é posíbel que lance a convocatoria ao final do presente ano, aínda que non hai, polo de agora, comunicación oficial dunha data.
O que si fixo a ICANN é publicar unha guía para asesorar ás numerosos comunidades de todo o mundo que están a espera da convocatoria. Tamén fixo un chamamento para recoller opinións sobre a creación de novos dominios, asunto que discutirá no seu próximo encontro, que terá lugar en Porto Rico a finais deste mes.