Conta atrás para a histórica última xornada de liga na que Ismael, o Zidane da billarda, se ha de enfrontar aos seus máximos rivais, Vicente e Foro, nunha noite que terminará con festa rachada que deixará pouco tempo para pensar qué votar.
Na xornada do sábado 26 de maio, os mellores palanadores da Liga Nacional de Billarda hanse enfrontar no pavillón de Celeiro de Mariñaos, no concello lucense de Barreiros, á volta das nove da noite, no Torneo de Clausura do que sairá o campión nacional.
A cousa anda entre o chamado Zidane da billarda, Ismael, do Cornería Team -que leva até o de agora 66 puntos-, algo por riba de Vicente, da equipa Safari, -con 62 puntos- e o último rival posíbel é Foro, dos Tronos, con 55 puntos.
Deste enfrontamento sairá o segundo campión da historia da LNB, creada hai algo máis dun ano pola Asociación Cultural O Varal. Após o campionato entregaranse os trofeos entre suores e alegrías, e despois haberá festa rachada con música dance e torrezmos da Mariña, até que, á mañá seguinte, abran os colexios electorais. O gañador do ano pasado personarase no acto, para entregar das súas propias mans o trofeo ao novo campión.
Aínda está reñida esta final, e non todo está feito para Ismael Zidane que pode que non chegue nin a cheirar o licor de toxo que gaña o vencedor absoluto da liga. Nunca se sabe pois, como din n'O Varal, hai que se preparar para vivir unha noite tola de billarda, con "sangue, coitelos afiados e reflexión imposíbel!".
Toda a información será retransmitida por Tele-Varal e a clasificación final quedará fixa nas páxinas web da asociación.