Alén do factor ecolóxico, a madureza tecnolóxica fará que en pouco tempo sexa máis barato e rendíbel apostar polas renovábeis.
O colectivo Greenpeace quixo afondar no discurso ecoloxista a prol das enerxías renovábeis. E para iso apostou por facelo desde o punto de vista da viabilidade técnica e económica de todas e cada unha das posibilidades que a nivel estatal a tecnoloxía xa permite agora mesmo.
O amplo informe elaborado para o colectivo polo Instituto de Investigación Tecnolóxica da Universidade Pontificia de Comillas non deixa lugar a dúbidas. As fontes renovábeis existentes permitirían en pouco tempo que o 100% da enerxía consumida agora mesmo en todo o Estado fose fornecida sen botar man de fontes contaminantes e sen arramplar con espazos protexidos. Máis aínda, o informe sinala especialmente que iso é posíbel simplemente coas tecnoloxías que existen na actualidade.
"Despois deste estudo xa non hai escusas para non seguir avanzando e de forma moi urxente nesa dirección", defenden desde o colectivo.
O potencial galego
No caso do aproveitamento das ondas e mareas para a produción enerxética, completamente inexplorado aínda por estes pagos, o estudo sinala que a costa galega é en todo o Estado a zona máis axeitada para espremer o potencial desta tecnoloxía. Avisan ademais de que o estudo considerou simplemente a aplicación de sistemas xa comercializados noutras partes do planeta e que foron deseñados para climas con ondas diferentes ás que hai nas nosas costas. Neste sentido, un proxecto deseñado especificamente para a costa galega é posíbel que mesmo incrementara a rendabilidade sobre os prognósticos realizados.
O informe repara tamén no xa demostrado potencial de Galiza en materia de enerxía eólica e por outra parte, adícalle un extenso apartado ao caso concreto, aínda non explotado por aquí, da eólica offshore, é dicir en pleno mar. Neste caso, tamén as costas galegas aparecen a nivel estatal coma o escenario máis atractivo para botar adiante proxectos deste tipo. No resto do Estado, só as costas de Girona e Cádiz amosan lugares tan axeitados como as da Coruña e Lugo para a instalación desta tecnoloxía.