A través de axudas para a renovación do parque automobilístico, a mellora da envoltura térmica das edificacións e dun Plan Renove de Electrodomésticos.
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, anunciou este venres unha serie de axudas por importe de máis de 18 millóns de euros co fin de que o 95% do consumo eléctrico de Galiza se cubra con enerxías renovábeis no ano 2012.
Blanco sinalou, no marco das III Xornadas de Enerxías Renovábeis e Aforro Enerxético en Carballo, que uns 14,3 millóns de euros se destinarán a actuacións de aforro e eficiencia e, en concreto, á renovación do parque automobilístico con vehículos híbridos, á mellora da envoltura térmica das edificacións e ao desenvolvemento o segundo ano do Plan Renove de Electrodomésticos.
Outros catro millóns de euros dedicaranse ao fomento do uso de enerxías renovábeis por parte das administracións públicas e dos axentes privados. Segundo as previsións do executivo galego, a potencia instalada deste tipo de enerxía en Galiza aumentará nun 73%, dende os 6.110 vatios do ano 2005 ata os 10.601 en 2012.
Blanco engadiu que a superficie de paneis solares térmicos rexistrará un aumento do 930%, de 11.649 metros cadrados a 120.000 no ano 2012.