Na capital pontevedresa séguese a desenvolver o ciclo Trad, coa actuación de Carmen Dor, o día 15 ás nove da noite no Teatro Principal.
Cartel do encontro de Narón
O programa, que comezara o 1 de marzo coa música de Fran Pérez Narf, seguirá o día 22 con Espido e rematará a seguinte semana co concerto do Trío de Artur Caldeira.
Zanfona contemporánea
O Conservatorio de música tradicional e folque de Lalín tamén organiza actividades na vila de Narón. O día 16 arranca o terceiro encontro coa zanfona contemporánea, no que haberá concertos, teatro e dous cursos para se iniciar no uso actual do instrumento.
No auditorio de Narón, o venres 16 ás oito e media comezará o espectáculo. O grupo Lizgairo, composto por Anxo Pintos, Rodrigo Romaní e Xosé Liz, amosará a sonoridade combinada da zanfona, a arpa, a guitarra e o violín. O contrapunto poñerao Bonovo, formado por Óscar Fernández, Roberto Grandal e Pulpiño Viascón.
Teatro en Narón
A velada completaraa unha representación teatral. Leandro Lamas e Cristina Mariño, da Escola de Teatro de Narón interpretarán O cego da Xestosa, un entremés escrito por Xavier Prado Lameiro, e que irá acompañado da música dos alumnos de zanfona da localidade.
Os dous días seguintes, 17 e 18 de marzo, desenvolveranse dous cursos paralelos de zanfona. Un deles impartirao Anxo Pintos, do Conservatorio de música tradicional de Vigo, e outro Óscar Fernández, do Conservatorio de música tradicional e folque de Lalín.