Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SEN EXPLICITAR O SEU APOIO A SARKOZY

Chirac confirma que non será candidato ás presidenciais

"Non solicitarei os vosos votos para un novo mandato". Así o anunciaba esta fin de semana en intervención televisada o actual presidente francés, Jacques Chirac.

Redacción - 08:00 12/03/2007
Chirac estaba no poder desde 1995

Chirac estaba no poder desde 1995

Chegou á xefatura de estado francesa en 1995, e conseguiu a reelección en 2002. Este 2007, Jacques Chirac pásalle relevo en Francia a un novo presidente.

Na breve comparecencia diante das cámaras de televisión para confirmar que non aspira á reelección, Chirac destacou os eixos de goberno dos que dixo estar máis orgulloso e, entre outros, asegurou que as metas que máis satisfeito o deixan foron a loita contra a inseguridade e o desemprego, a reforma do sistema de pensións e o reforzo lexislativo do laicismo.

Para o anuncio da súa retirada do escenario político Chirac aproveitou unha data simbólica: o 40 aniversario da súa primeira vitoria nunhas urnas. Xa que logo, na altura dun 12 de marzo, o ano 1967 era escollido deputado nuns comicios lexislativos.

Chirac mantén as distancias con Sarkozy A prensa francesa repara este luns especialmente no feito de que non fixera aínda mención ao candidato ao que lle concede a súa beizón. O seu ministro de Interior, Nicholas Sarkozy, sería quen contaría co apoio implícito, máis o recoñecido enfrontamento interno que manteñen nos últimos anos, impediu de momento esa concesión de Chirac.

A actitude de Chirac é especialmente significativa nun momento en que na carreira polo sillón presidencial sobe con forza un novo aspirante. Á candidata socialista, Segolène Royal, e ao propio Sarkozy, únese François Bayrou, que aspira a rabuñarlle cota entre o electorado conservador ao sucesor oficial de Chirac. A última sondaxe coñecida dálle un 27% da intención de voto a Sarkozy, cunha forte caída de catro puntos; un 25,5% a Royal e un 23% a Bayrou.


Máis en Le Monde e Libération.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: