O presidente da República francesa, Jacques Chirac, realizou unha declaración isntitucional cando comezou a coñecerse o claro resultado do referendo francés.
"Prezados compatriotas da metrópole, do alenmar e do estranxeiro,
Francia expresouse democraticamente. Rexeitastes por maioría a Constitución europea. É a vosa decisión soberana e levanto acta dela.
Porén, os nosos intereses e as nosas ambicións están fondamente vencelladas a Europa. Francia, país fundador da Unión, ficará loxicamente dentro dela. Teño que dicirvos, como lle direi aos nosos socios europeos e a todos os pobos de Europa, que Francia continuará a soster a súa posición nela, respectando os seus compromisos. Mirarei por iso.
Os procesos de ratificación estanse a producir no conxunto dos países da Unión. Nove estados xa se pronunciaron a prol do si. Outros socios expresaranse cando lles chegue a quenda. Ata ese momento, a Unión seguirá a funcionar sobre a base dos tratados actuais.
Temos por diante un importante calendario. O 16 de xuño, o Consello europeo reunirase en Bruxelas. Nel defenderei as posicións do noso país tendo en conta a mensaxe dos e das francesas.
Pero, non nos trabuquemos, a decisión de Francia crea inevitabelmente un contexto difícil para a defensa dos nosos intereses en Europa. Deberemos facernos firmes xuntándonos ao redor dunha esixencia, a do interese nacional.
Prezados compatriotas, no decurso deste debate, expresastes igualmente as vosas inquedanzas e desexos. Espero responder a eles dándolle un novo e forte pulo á acción gobernamental. Fareivos partícipes nos vindeiros días das miñas decisións con respecto ao goberno e ás prioridades da súa acción".