Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MUNICIPAIS07

A Coruña: as borrallas do vazquismo

Francisco Vázquez fixo as maletas nun morriñento mes de febreiro. Hai algo máis dun ano, o controvertido alcalde coruñés recolleu a equipaxe e marchou de embaixador cara o Vaticano. A noticia chegaba cando o “adalide do coruñesismo” se atopaba asediado polos escándalos. Dende había meses o xornal La Opinión de A Coruña desenfiaba o chamado “escándalo enerxético”. O medio de comunicación, visceralmente enfrontado co rexedor, ía destapando por capítulos os dubidosos negocios dos fillos e da muller de Vázquez no sector eólico e hidráulico.

R.V. - 11:03 24/05/2007
Lonxe quedaba aquel Paco Vázquez que en 1983 chegaba ao pazo municipal cunha maioría absoluta de vertixe (conseguira máis do 60% dos votos). Despois, o rexedor gañaría outros cinco comicios, aínda que xa nos últimos a maioría absoluta foi posíbel grazas a un monllo de votos (143). Vázquez deixou todo atado. Xavier Losada foi o encargado de portar o bastón de mando no último treito do mandato. O novo rexedor foi quen de ir desprendéndose con habelenza da alongada sombra do seu predecesor.

A fenda na dereita e un BNG en ascenso
Mais a política local tivo tamén outros sismos considerábeis. A dereita chega esgazada. Dende a época de Lendoiro, os populares teiman en recuperar un electorado conservador que non dubidaba en apoiar a Vázquez e agora haberá que ver se fai o mesmo con Losada. Dos sete concelleiros que lograra o PP en 2003 só quedaron catro baixo o paraugas do partido. O enfado de Corcoba coa dirección provincial fixo que el, canda outros dous concelleiros, se pasase ao grupo dos non adscritos. Para sucedelo, os de Feijoo confiaron en Carlos Negreira.

Os enfrontamentos populares déixanlle aberta a porta ao BNG para convertirse na segunda forza da cidade. Porén os de Henrique Tello saben que hai posibilidades de fender a maioría absoluta socialista e forzar un goberno a dúas bandas. Os nacionalistas basearon o seu traballo nas necesidades dos barrios. Argumentan que a cidade mirou moi pouco, precisamente, para aquelas zonas que concentran a maior parte da poboación.

Sexa como for, todos son conscientes de que para que haxa un cambio en María Pita é preciso unha alta participación de electores. E aí reside a principal dúbida. Un dos membros da candidatura nacionalista mostraba hai poucos días o seu optimismo de cara o 27-M. Tan só hai un problema: “Nós subimos, o PP baixa e así é difícil romper a maioría absoluta”.

O galeguismo ao revés

O resto de formacións que se presentan semellan ter moi poucas opcións para entrar no consistorio. Fernando Rodríguez Corcoba preséntase baixo unhas siglas “sui generis”, que provocan máis dun rexoubeo: Coruñeses con Buenos Argumentos (COR.CO.B.A). O Partido Galeguista sorprende cun candidato, Carlos Marcos, que fai causa a prol do topónimo La Coruña e utiliza decote o castelán. A Marcos semella non importarlle gastar unha fortuna na campaña. El mismo tivo que saír a desmentir publicamente que estivera financiado polo próspero empresario Xosé Luís Cebrián, sobriño político do magnate Amancio Ortega.

Dentro de poucos días despexaranse moitas dúbidas. A cidade agarda expectante a nova correlación de poderes que van deparar as urnas. A noite do 27-M saberase se as borrallas do vazquismo serven para darlle un cómodo relevo a Losada ou se pola contra é preciso recorrer á unidade da esquerda.

Novas relacionadas

E Feijoo lembrouse de Vázquez

Co candidato socialista, Xavier Losada, tratando de afastarse da sombra do seu antecesor, os paradoxos fixeron que a herdanza de Vázquez fose...

A familia de Vázquez tamén intenta entrar no negocio eólico extremeño

As empresas ligadas ao ex alcalde coruñés están pendentes dunhas concesión do goberno de Rodríguez Ibarra

Consenso para tirar do fío eólico que leva a Vázquez

"Que se investigue sen límites", conceden desde o PPdeG. "Hai fíos que levan ao PSOE", apunta o BNG. O obxectivo apunta ao ex-alcalde da Coruña....

A volta

Xavier Losada: "Dixen que ía facer unha campaña intensa e estouno a cumprir. Fago unha campaña próxima, achégome a todos os barrios, porque as campañas son iso: quince días para chegar ao máximo de cidadáns"

A volta

Henrique Tello: "Aquí o único candidato que se presentou oito veces é Losada, e para gobernar foi igual ou peor que Vázquez. Losada viviu sempre ao seu amparo e non ten a imaxinación nin o peso político do anterior alcalde"

A volta

Carlos Negreira: "Prometo non distanciarme tanto dos cidadáns como o fixo o PSdeG. O actual goberno está formado por xente que vive por e para o seu asento e que pinta unha cidade imaxinaria"<

5/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Reparto de concelleiros en 2003
Reparto de concelleiros en 2003
Losada nunha entrevista recente co vicepresidente, Anxo Quintana
Losada nunha entrevista recente co vicepresidente, Anxo Quintana
Henrique Tello aspira a rachar coa hexemonía socialista
Henrique Tello aspira a rachar coa hexemonía socialista
Os de Feijoo apostan por Carlos Negreira para superar as continuas crises no PP coruñés
Os de Feijoo apostan por Carlos Negreira para superar as continuas crises no PP coruñés