Lugo, cidade -como mínimo- bimilenaria, está afeita dende anos ha aos imperios. 'Lucus', o bosque sagrado de Lugh, habitado por celtas, pasou a ser 'Lucus Augusti' cos romanos. Ben Lugh, ben o césar Augusto, poderíanse considerar os primeiros emperadores lucenses.
Algún tempo máis tarde, no ano 1983, comeza un novo reinado; Francisco
Cacharro Pardo, á fronte da Deputación provincial, guiará durante máis de vinte anos os designios do pobo lucense. Para este fin contará con diferentes
'cónsules'. Así, entre os anos 1983 e 1991, Vicente Quiroga, baixo o pendón de Alianza Popular primeiro, e como solista independente (co apoio de Coalición Galega e PSOE) despois, será o elixido.
Entre 1991 e 1999, é a quenda de Tomás Notario Vacas, no primeiro cuadrienio, e de Xaquín García Díez, no segundo. Este último sería defenestrado polo rei Paco, en previsión dun "ti tamén, meu fillo". Sería este o comezo da fin do 'Lucus Cacharri' e o nacemento dunha nova era.
As municipais de 1999 supuxeron en Lugo un cambio de réxime. Os imperios e as monarquías daban paso á república do 'filósofo sofista' Xosé Clemente López Orozco, quen accedía ao poder municipal aproveitando a decadencia
popular, co apoio dos 'patricios' nacionalistas do BNG.
Do 'profesor' Orozco ao 'papa' Clemente Serían catro anos de goberno progresista senatorial. Mais en 2003, Lugo viviu un suceso nacionalmente coñecido como
fagotización, que provocaría un feito clave na Historia da cidade: a conversión do 'profesor Orozco' no 'papa Clemente'.
E chegamos a 2007. Tras
catro anos de 'clementismo', o
rodillo da maioría absoluta non pesou na consciencia do pobo de estar gobernado pola cara máis amábel de toda Galiza, con índices de popularidade mesmo maiores ca os doutro alcalde 'episcopaliano', o legado coruñés no Vaticano, Paco Vázquez.
Todo indica que o 'papado' de Clemente vai seguir, cando menos, outros catro anos máis con maior apoio. Nas súas 'homilías'
congrega miles de fieis -máis do que conseguiran nunca os gobernantes do Antigo Réxime- que literalmente lle bican as mans, e é o elixido por Pepe Blanco -o ente espiritual co que se comunica constantemente- para debater con Quintana e Feijoo na Galega.
División no PPdeG e derrotismo no Bloque Se acaso, está por ver quen vai perder máis desta volta. O BNG de Xosé Anxo Lage chega derrotado ás municipais: actualmente ten tres concelleiros e, máis ou menos publicamente, manifesta que o seu obxectivo é acadar un máis (en 1999 tiña seis), malia despregar unha importante campaña de publicidade e papelaría propagandística.
Pola súa banda o PPdeG de García Díez, que recunca tras pór como condición a eliminación do seu mentor e asasino político, Francisco Cacharro, opta por aquilo de que "calquera tempo pasado foi mellor". Porén, son eses mesmos tempos pasados a súa principal eiva. A división interna en Lugo entre 'cacharristas' e 'barreiristas' impídelle ao Partido Popular encher o auditorio Gustavo Freire nos mitins, e téñense que conformar co salón de actos do instituto Politécnico, de menor aforo.
Nas eleccións de 1999, decenas de votos do PPdeG foron anulados: o nome de Cacharro Pardo aparecía tachado, e no seu lugar figuraba escrito a bolígrafo o de García Díez. Desta volta, a inquietude nas filas
populares é á inversa.
Polo demais, a campaña de ambos os dous opositores con representación municipal céntrase nun punto clave: o Plan Xeral de Ordenación Municipal presentado polo grupo de goberno. Orozco prometera en numerosas ocasións aprobar o
PXOM, ao que se opoñen PPdeG e BNG (e
Esquerda Unida), antes das municipais, mais unha case segura impugnación por parte da Xunta -coa mala imaxe que iso suporía- acabou por adialo.
É este un dos temas que máis mobilización cidadá ten provocado nos últimos tempos en Lugo, mesmo coa creación de
plataformas veciñais opostas á construción de edificios nas inmediacións do parque de Rosalía, á localización da nova ponte sobre o Miño -que dará entrada á autovía de Santiago- e á do novo auditorio, instalación que Orozco xa prometera en 1999.
76.000 vivendas en dez anos Cómpre lembrar, ademais, que o PXOM presentado polo actual grupo de goberno contempla a construción de 76.000 vivendas en dez anos. Na actualidade, 15.000 das 50.000 con que conta Lugo están deshabitadas, e o 78% das edificadas dende 1998 tamén están baleiras.
Entre as propostas máis curiosas están a de usar produtos de comercio xusto na xestión municipal (Orozco,
PSdeG), crear unha liga interparroquial de xogos populares (Laxe,
BNG) e construír un teleférico entre o Parque de Rosalía de Castro e o Río Miño (Díez,
PPdeG).
Outro dato, nunha recente enquisa do diario
El Progreso de Lugo, os lucenses consultados afirmaban que os problemas que máis lles preocupan son o tráfico, o emprego e o urbanismo e a vivenda. Outra de hai un mes, 15 concelleiros para o PSdeG, dous máis ca en 2003, un do BNG e outro do PPdeG. E unha outra máis, a última de
La Voz de Galicia, daba a Orozco e ao seu goberno como os máis valorados de todo o país.
En definitiva, falando do papa de Lugo, que pola Casa do Concello se asoma.