Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O CETAL formará a profesionais do sector

O Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo nace rodeado de polémica

O BNG auséntase dos actos oficiais da creación da fundación, presididos por Touriño, por consideralos propaganda, e reclama os 18.000 postos de traballo prometidos.

Redacción - 18:06 30/04/2007

O presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, e a ministra española de Agricultura, Elena Espinosa, presidiu este luns en Lugo a constitución da fundación que administrará o Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL). Este ten como obxectivo a formación e especialización de profesionais e técnicos do sector agrario.

Porén, a fundación nace rodeada de polémica, logo de que os representantes do BNG se ausentasen dos actos oficiais deste luns. Anxo Lage, voceiro e candidato nacionalista á alcaldía, desculpou a ausencia alegando que o BNG está composto por "xente seria e rigorosa". "Por iso non asistimos a primeiras pedras, nin a actos propagandísticos electorais", engadiu.

Case 20.000 empregos prometidos

Neste senso, lembrou os 3.000 postos de traballo directos e os 15.000 indirectos que no seu día prometeron tanto Xosé Blanco, secretario de organización do PSOE, como Xosé Clemente López Orozco, alcalde de Lugo. "A día de hoxe non hai constancia da súa existencia; máis que un CETAL vai camiño de se converter nun verdadeiro retal", concluíu.

Durante o acto constitucional da fundación, Pérez Touriño sinalou que o CETAL estará "operativo en 2009" e "contará con 31 millóns para promover, impulsar e apoiar o desenvolvemento tecnolóxico do sector agroalimentario, así como a mellora do coñecemento científico e técnico", tal e como recollen as súas actas fundacionais.

O CETAL estará rexido por un padroado formado por representantes da Xunta, do Ministerio de Agricultura, do Concello de Lugo, das tres universidades, de Caixa Rural, de Caixanova, de Caixa Galicia, da Confederación de Cooperativas Agrarias de España e da federación de industrias agroalimentarias e bebidas.

Pola súa banda, Espinosa remarcou que o CETAL debe xogar "un papel importante en potenciar a cooperación e colaboración das empresas, así como a través dos programas de cooperación co sistema I+D+i español e internacional".

Funcións do CETAL

Entre as funcións do novo Centro Tecnolóxico atópase a identificación, promoción, lanzamento e posta en marcha de proxectos e programas de desenvolvemento tecnolóxico ou innovación no sector agroalimentario, tanto directamente como en colaboración ou cooperación con outros organismos, administracións, entidades ou institucións.

Tamén, a mellora sistemática da competitividade dos produtos agroalimentarios, así como a súa innovación para a súa continua adaptación ás demandas dos mercados nacionais e internacionais e á sustentabilidade económica das empresas e dos negocios agroalimentarios.

De igual modo, a transferencia de tecnoloxía e información científica e técnica ao sector agroalimentario, así como a identificación, análise, avaliación e atención das necesidades tecnolóxicas e de innovación dos produtos, materias primas e dos operadores do sector agroalimentario.

Asemade, a identificación, deseño, experimentación e proposta de innovacións, adaptacións e melloras sistemáticas na transformación, envasado, embalaxe, etiquetado, presentación, loxística e comercialización de produtos agroalimentarios.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: