O secretario xeral da ONU pediulle ao Consello de Seguridade que sexa penado o seu recrutamento nos conflitos, algo que sucede en polo menos dez países.
No mundo hai arredor de 250.000 nenos soldado
O secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon, pediulle ao Consello de Seguridade nun informe que se impoñan sancións aos exércitos e aos grupos armados que utilizan a nenos soldados en polo menos unha decena de países de todo o mundo.
O recrutamento de cativos nos conflitos armados ocorre principalmente en nacións africanas e asiáticas, dende a República Democrática do Congo e Uganda até Birmania e Sri Lanka, indica o informe.
Os responsábeis adoitan ser grupos rebeldes, mais tamén están incluídas algunhas das forzas gobernamentais de países como Chad, Somalia e Sudán, agregou Ban. Ademais, algúns son culpábeis de asasinar e abusar sexualmente dos menores.
Restricións financeiras e de viaxe
O Consello de Seguridade debería considerar penalizar os responsábeis prohibindo a axuda militar e o comercio de armas e impondo restricións financeiras e de viaxe aos seus líderes, indicou o secretario xeral da ONU.
As violacións contra nenos en conflito deberían ser ademais remitidas ao Tribunal Penal Internacional da Haia, engadiu.
O Fondo das Nacións Unidas para a Infancia, UNICEF, estima que existen perto de 250.000 nenos soldado en todo o mundo, aínda o número exacto, afirman, é imposíbel de determinar.