Somalia, Colombia e Chechenia, entre os esquecidas de 2007. Médicos Sen Fronteiras publica o seu informe sobre os contextos que menos atención mediática mereceron o pasado ano.
As persoas que loitan para sobrevivir á violencia, o desprazamento forzado e a enfermidade na República Centroafricana (RCA), Somalia, Sri Lanka e outros lugares non foron noticia de primeira páxina este ano nin durante gran parte da última década, segundo a lista das dez crises máis esquecidas que presentou en Madrid a organización médico-humanitaria internacional Médicos Sen Fronteiras (MSF).
O informe relativo a 2007 destaca o sufrimento das vítimas doutras crises esquecidas na República Democrática do Congo (RDC), Colombia, Mianmar, Zimbabue e Chechenia, onde a guerra continúa provocando o desprazamento de millóns de persoas e tamén se centra nos devastadores efectos de catástrofes sanitarias como a tuberculose e a desnutrición infantil.
Atención mediática desproporcional ao sufrimento
"Sen dúbida, moitos profesionais do xornalismo fan todo o posible para informar do que está a acontecer en zonas de conflito en todo o mundo", afirma Paula Farias, presidenta de MSF España. "Pero millóns de persoas atrapadas no medio da guerra, obrigadas a abandonar os seus fogares e privadas da atención médica máis básica, non reciben unha atención mediática proporcional ao seu sufrimento".
O obxectivo do informe é sensibilizar a opinión pública sobre a magnitude e gravidade das crises que non sempre ven reflectidas nos medios. "A miúdo, a atención mediática é decisiva para xerar e mellorar as respostas", explican dende MSF.
"A desnutrición infantil constitúe un bo exemplo", afirman os responsábeis do informe. "A aplicación de métodos máis efectivos para tratar este tipo de malnutrición con alimentos preparados ricos en nutrientes está xerando unha maior concienciación sobre a necesidade de cambios nas políticas internacionais de axuda alimentaria", engaden.
MSF comezou a publicar o documento sobre as dez crises máis esquecidas en 1998, cando unha devastadora fame no sur de Sudán non obtivo a debida atención por parte dos medios de comunicación nos EUA.
Colombia e a RDC, dous países devastados por interminábeis conflitos civís e desprazamentos masivos de poboación, encabezaron a lista de MSF durante a última década, aparecendo ámbolos dous un total de nove veces. As consecuencias humanitarias da guerra en Chechenia mencionáronse oito veces. Somalia estivo na lista en sete ocasións e máis recentemente polos renovados enfrontamentos en Mogadiscio en 2007, que custaron a vida a miles de persoas e obrigado por centos de miles a abandonar os seus fogares para enfrontarse a precarias condicións de vida e a enfermidades.
Somalia, caso especialmente sanguento
"O caso de Somalia é especialmente sanguento", explica Paula Farias. "A pesar das numerosas alertas lanzadas polas organizacións humanitarias nos últimos meses, á prensa apenas lle interesou a última onda de violencia en Mogadiscio e as súas dramáticas consecuencias para a poboación civil. Os 600 mil novos desprazados non eran noticia. Asistimos a un breve repunte con motivo do secuestro de dúas traballadoras de MSF, durante o cal, de todos os xeitos, o conflito se abordou superficialmente. Tras o secuestro, dun día para outro, Somalia desapareceu de novo dos medios", engade a presidenta de MSF España.
Segundo Andrew Tyndall, editor do buscador de noticias na rede The Tyndall Report, entre xaneiro e novembro de 2007, os informativos nocturnos das tres principais cadeas de televisión estadounidenses apenas dedicaron 18 minutos en total aos países e contextos destacados por MSF no informe. "Por exemplo, non se fixo mención algunha a Chechenia, Sri Lanka ou RCA, país no que moitas aldeas foron reducidas a cinzas durante os combates do ano pasado, e miles de persoas tiveron que abandonar os seus fogares e agocharse nos bosques", explica Tyndall.
A organización internacional denunciou tamén que casos como o Mianmar ou da tuberculose xeraron unha gran atención mediática, aínda que moi pouca en canto aos aspectos médicos e humanitarios. "A primeira debido á crise política do pasado setembro e a segunda despois de que un home de Atlanta, en Estados Unidos, fora diagnosticado cunha cepa de tuberculose multirresistente aos medicamentes. Con todo, a alarmante cantidade de persoas coinfectadas con VIH/sida apenas foron obxecto de mención", lemos no informe.
"Os aspectos locais de certas problemáticas de alcance internacional adoitan ter algunha cobertura", explica Paula Farias. "Desgraciadamente, o resultado é que o centro da noticia non son necesariamente as persoas nunha situación máis vulnerable e desesperada, precisamente aquelas cuxas historias merecen ser contadas".