Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Marcelino Fernández Mallo

As caixas galegas: momento cero

09:30 09/08/2009

A situación crítica, posiblemente histórica, que viven as finanzas do noso País e, xa que logo, tamén a economía e mailas nosas opcións de progreso social, xustifican que este blogue persoal abandone por unha vez a area cultural para inserirse ate o pescozo no lodo dos cartos.

Empezarei por salientar unha máxima evidente: sen capacidade financeira non hai autonomía de decisión, relación a ter presente cando se analiza a ameaza de Cajamadrid integrar Caixa Galicia e, posiblemente algo máis tarde, tamén Caixanova. O intento de absorción das Caixas galegas por parte da madrileña ten a súa orixe no obxectivo do Partido Popular de superar a territorialidade das caixas de aforros e configurar un mapa financeiro sen entidades afíns ás comunidades autónomas. Alén dos propósitos de carácter político inherentes a esta estratexia, convén subliñar que tanto Madrid, como Cataluña, Euskadi, Andalucía e Aragón, teñen garantido conservar as súas principais caixas de aforro e mesmo fortalecelas con procesos de fusión. Así pois, se Caixa Galicia e/ou Caixanova terminan absorbidas por Cajamadrid, Galicia colocaríase nunha posición de manifesta inferioridade fronte ás Comunidades Autónomas anteriores o cal redundaría nunha perda notable de peso específico dentro do Estado.

A integración de Caixa Galicia en Cajamadrid propiciaría un enorme beneficio para a entidade madrileña a costa da liquidación da entidade galega. Cajamadrid recibiría sen pagar un peso unha carteira de máis dun millón de clientes activos, un volume de negocio de 80.000 millóns de euros, un balance de 47.000 millóns e mailos fondos que lle asignase o FROB (Fondo para a Restruturación Ordenada Bancaria) á fin de apoiar a operación. Eses fondos poderían oscilar entre os 8 e os 10 mil millóns de euros, ou sexa, catro ou cinco veces do que recibe Galicia dos presupostos territorializables do Estado cada ano. Este inmenso paquete regalo destinaríase a unha entidade que presenta unha acusada politización e unha manifesta xestión deficiente. Por tanto, quen defende a operación dende un punto de vista financeiro, debería revisar o seu discurso agás que se estea a referir en exclusiva ás finanzas da Comunidade de Madrid.
Galicia representa a outra cara da moeda: a súa principal entidade financeira desaparecería de levarse a cabo tal operación, as decisións financeiras sobre os seus proxectos económicos, empresariais e sociais haberían pasar polos órganos de decisión dunha entidade madrileña, os seus sectores produtivos básicos serían relegados, o negocio inducido pola actividade de Caixa Galicia (filiais, provedores, servizos empresariais, etc.) desprazaríase cara á empresas non galegas, a domiciliación dos ingresos tributarios trasladaríase ás arcas da capital de España e a obra social perdería a esencia galega para esvaecerse nunha actuación de carácter estatal con focalización en Madrid. Ademais diso, Cajamadrid procedería á eliminación dos postos de traballo redundantes, isto é, os equipos de dirección, os servizos centrais e a rede comercial excedentaria; arredor de 3.000 empregos perdidos, a maioría deles en Galicia.

Inda que a sociedade galega reaccionou case unanimemente en contra da operación, non esquezamos que as vontades son manipulables e que as posicións, tanto persoais como institucionais, poden mudar a cambio de prebendas, vantaxes e beneficios presentes ou futuros. A batalla pode durar uns meses, poucos en calquera caso pero tempo abondo para orquestrar manobras de silenciamento e aquiescencia.

Repasemos agora os motivos que nos levaron á actual situación: unha das consecuencias da crise financeira é a previsible redución do tamaño do mercado así como unha forte presión sobre as marxes da función intermediadora (tipos de xuro dos investimentos menos os tipos do financiamento), un aumento drástico das insolvencias e unha probable baixada do valor dalgúns activos, en especial das participacións empresariais e as propiedades inmobiliarias. Un escenario destas características recomenda o apontoamento da solvencia das entidades con fondos propios axustados e meirande exposición ó sector inmobiliario, así como a intervención naquelas cuxos estados financeiros poñan en risco a súa viabilidade. Sobre esta base, o Ministerio de Economía presentou o chamado FROB con dous obxectivos ben claros: favorecer a concentración de entidades con dificultades potenciais e fortalecer os recursos propios das entidades resultantes, de xeito que ó final do proceso, o sistema financeiro español fique constituído por entidades fortes e saneadas. O proceso definido no FROB abre a porta á fusión interterritorial de caixas de aforro sen ter en conta as competencias dos gobernos autonómicos. Á fin de acadar os seus obxectivos, o FROB pode chegar a mobilizar 90.000 millóns de euros.

A situación de partida non favorece as entidades galegas cuxos elevados ritmos de crecemento dos últimos anos, a súa concentración elevada en liñas de negocio maduras e o seu nivel de recursos propios por debaixo das medias do sector, situáronas entre as susceptibles de ser atinxidas pola reestruturación. Nun estado patrimonial de maior robustez, poderían analizarse operacións de absorción de caixas doutras Comunidades Autónomas. Porén, non nos enganemos: as contas non permiten contemplar tal posibilidade. A única solución factible pasa pola fusión das dúas Caixas galegas. Ate agora, o goberno galego a través do seu presidente, estableceu un prazo de oito meses para tomar unha decisión. A seguir, informou sobre a encarga dun informe á fin de determinar os custos da integración de ámbalas dúas caixas para o cal fixa dous meses. A inhibición, lindeira co abandono de funcións, que implica esta postura representa unha grave ameaza de seu. En primeiro lugar, porque o deterioro das contas durante ese período pode levar a un camiño sen saída que “aconselle permitir a salvación das entidades galegas por outra foránea de maior tamaño”; tal podería ser o argumento. E en segundo lugar, porque durante os vindeiros meses, produciranse movementos en outros territorios, de feito xa en marcha, que usarán os fondos do FROB ata o seu posible esgotamento, co cal as entidades galegas renunciarían á contribución clave coa que outras caixas contarán. Así pois, a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova non só é a única solución posible, senón que ademais debe acometerse co máximo carácter de urxencia. Non se trata de analizar os custos da integración senón de coñecer as consecuencias catastróficas para Galicia que suporía a non integración entre as súas dúas caixas. O goberno ten que tomar a iniciativa de contado, impulsar un acordo inmediato coas forzas da oposición, definir as liñas básicas da operación e trasladalas axiña ós respectivos consellos de administración para principiar canto antes o proceso de fusión. En paralelo, debe negociar os fondos de apoio a recibir do Banco de España que, nunha estimación aproximada, poderían roldar os 3.000 millóns de euros.

Chegou o momento de arrombar os localismos, os personalismos e os partidismos para adoptar unha posición común de País que lle permita a Galicia manter a súa capacidade interna de financiamento que mesmo se vería incrementada pola constitución dunha Caixa única, forte, renovada e preparada para afrontar o desafío do novo escenario económico e financeiro. Unha Caixa Galega única resultante da fusión entre Caixa Galicia e Caixanova presenta as vantaxes seguintes:

Ø Defensa ante as previsibles acometidas de entidades foráneas

Ø Apoio económico do FROB de acordo cos obxectivos de concentración do Ministerio de Economía e o Banco de España; en consecuencia, fortalecemento da solvencia

Ø Xeración de economías de escala, posicionamento nos mercados financeiros, probable recuperación do rating e aumento da capacidade de impulso de proxectos estratéxicos para Galicia

Ø Necesaria renovación de estruturas

Ø Sendo entidades de dimensión equiparable, sinerxias derivadas da selección dos mellores sistemas, servizos, instalacións e solucións financeiras de cada Caixa en cada aspecto (diferencia entre fusión e absorción)

Ø En contra das opinións manifestadas por algúns líderes dende Madrid, o axuste de empregados non sería traumático en Galicia, pois as redes galegas son rendibles. As principais bolsas de minusvalías e insolvencias se concentran nos investimentos e nas redes foráneas, que serían as que habería que recortar drasticamente. As redes comerciais de Galicia presentan beneficios e abonda con ilas axustando de maneira progresiva á evolución da propia entidade resultante. Respecto dos servizos de dirección e centrais, ademais da necesaria renovación e de posibles prexubilacións, hai áreas de negocio non acometidas e fundamentais para a economía galega como a banca corporativa que poderían absorber boa parte dos recursos especializados excedentarios. Por outra banda, recuperaríanse departamentos hoxe en día desprazados a Madrid sen motivo relevante, como os de mercados ou riscos, por exemplo. En síntese, o efecto neto sobre o emprego galego sería nulo ou reducido no peor dos casos.

Quedarían por definir os criterios de constitución da nova Caixa Galega. A súa posible sede central non ofrece dúbidas: Compostela. Imprescindible a súa incardinación coa economía galega, afondando no coñecemento dos distintos sectores e con capacidade para artellar operacións corporativas que permitan reforzar a posición da empresa galega nos distintos mercados. Cunha xestión financeira que adecúe o crecemento do negocio e a asunción de riscos á correspondente solvencia e réximes de cobertura. Cunha actividade exterior restrinxida ós beneficios da diversificación e coa medida rigorosa das posibles continxencias. Con competencias por departamentos claras e transparentes en aras á eficiencia organizativa. Con principios de decisión asépticos e alleos a intereses espurios. Cun servizo onde o cliente sexa realmente o destinatario da oferta en función da segmentación óptima que se defina. Con sistemas de tecnoloxía avanzada pero de acordo á dimensión da empresa. Aproveitando os desenvolvementos e proxectos asociativos con outras entidades excelentes. Cun recurso ós diferentes canles de servizo e potenciando as prestacións en Internet. E apoiando a cultura galega a través da obra social en detrimento da "cultura espectáculo".

O intento de absorción de Caixa Galicia por Cajamadrid supón unha ameaza gravísima sobre a economía galega con potencial de se tornar un auténtico cataclismo. A capacidade de autoxestión dun País revélase en momentos coma este e na súa habilidade para virar a ameaza en oportunidade. Atrás fican operacións como a perda de Fenosa e Zeltia, por exemplo, que lastraron e seguen lastrando as opcións de progreso de Galicia. Cómpre actuar con unión e intelixencia para evitar as novas acometidas de Madrid e constituír unha gran entidade financeira galega sobre a que construírmos o noso futuro.


[Reflexión publicada orixinalmente (7-8-2009) na bitácora persoal do autor: A Trenza]

4,38/5 (37 votos)



Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza
»



Anteriores...