(Nota da Redacción de Vieiros: esta análise foi premiada no certame de artigos de opinión económica organizado en 2008 polo Colexio de Economistas da Coruña)
Pois velaí témo-los líderes mundiais mans á obra para resolve-la gran crise do século XXI. Levan destinados centos de miles de millóns de euros e dólares para mercar activos, dar créditos, inxectar liquidez, formalizar avais e moitas outras ocorrencias xurdidas da febre decisional que lles provocou o estalido da burbulla que eles mesmos porfiaron en crear con encomiable empeño. Decisións tomaron moitas; a última, xa a coñecen: van “refunda-lo capitalismo”. E como o capitalismo se pode refundar así, cun choquelear dos dedos, pois axiña lle puxeron data á refundación: o 15 de novembro. Será emocionante: o 16 encetaremos unha nova orde mundial!
As primeiras leccións de capitalismo atópanse na Biblia. Si, nos Evanxeos. Lembrarán aquela parábola na que un “señor”, antes dunha viaxe, reparte denarios entre tres dos seus “servos” (na Biblia hai “señores” e “servos”); ó cabo dos anos, regresa o señor disposto a recada-lo froito dos préstamos concedidos, con diferente resultado en función do investimento realizado polos servos. Ou aqueloutra historia (a Biblia está chea de contos estupendos) na que Xosé interpreta o soño do Faraón no que sete vacas fracas aparecen tras sete vacas gordas; eu apostaría a que as primeiras sete, máis ca gordas, estaban hipertrofiadas.
Con este tipo de parábolas fomos tirando, mulleres e homes, ata que apareceu Adam Smith é ditou as regras clásicas do capitalismo incluso antes do capitalismo existir, o cal non deixa de te-lo seu mérito (o capitalismo existe dende que Carlos Marx escribiu “O capital”). Adam Smith publicou aquilo de “A riqueza das nacións” douscentos anos antes de que Michael Porter escribise o primeiro dos seus “best-sellers”, “A competitividade das nacións”. Douscentos anos para trocar unha palabriña de nada, para aprendermos algo que, en fin, tampouco semella tan complicado: para sermos ricos, habemos ser competitivos.
Sendo sincero, esquecín a maioría dos paradigmas ditados polo segundo Adán máis popular da Historia; a maioría agás, naturalmente, o da súa misteriosa “man invisible” capaz de devolve-los elementos descolocados ó seu sitio. Supoño que isto da man invisible sería unha reminiscencia das lecturas bíblicas de Mr. Smith e o home se estaría referindo a unha sorte de “deus económico”. E entón penso en Bush, pertencente ós “new born christians”, e decátome de que este cristián renacido é quen convoca a xuntanza para a refundación do capitalismo e sinto un calafrío percorréndome o corpo que non desaparece ata consulta-las enquisas sobre as vindeiras eleccións ianquis.
Crises e refundacións
A “man invisible” de Adam Smith propiciou a Revolución Industrial, incluíndo as miserentas condicións de traballo dos obreiros denunciada por Marx, pero fallou con estrépito en 1929. Disque o deus económico repartiu crédito a calquera que pasara por Wall Street para a compra de accións baixo a hipótese de que os títulos “nunca baixarían de valor”. E claro!, baixaron, vaia se baixaron; algúns dende un vixésimo piso ata o chan en voo descendente perpendicular. E houbo uns anos de fame, frío e desesperación no que se chamou a Gran Depresión ata que Roosevelt artellou aquilo do “New Deal”. No terreo económico, John Maynard Keynes promulgou unha sorte de novo paradigma económico baseado nas políticas fiscais segundo o cal as intervencións dos Estados permitirían mitigar, e mesmo evitar, os perniciosos ciclos que tanto sufrimento causaban nas etapas de devalo (e volvemos ó das vacas gordas e fracas da Biblia).
O keynesianismo campou ás súas anchas na praxe económica (con dúas guerras e un Bretton Woods polo medio) ata que a crise petroleira do 73 levou por diante as teorías a partir de entón chamadas intervencionistas. E así foi que o liberalismo se volve impoñer como dogma predominante e se recupera o obxectivo da minimización do Estado e a predilección das políticas monetarias para o control dos ciclos. O monetarismo, ¿un novo capitalismo? Seica.
Novas crises, pero de distinta intensidade, xurdiron nos 80 e nos 90, o cal tampouco non debe sorprender porque xa Kondratieff, presunto lector da Biblia, prognosticou a intermitencia dos tempos de abalo e devalo en distintos graos e frecuencias. E a medida que cada crise se deixaba atrás, reforzábase o dominio das teses económicas liberais baixo un novo formato: o neoliberalismo. En realidade, o referente teórico do neoliberalismo é difuso. Eu identifícoo coa relaxación da regulación financeira e cunha máxima que lle escoitei hai anos a un destes gurus totémicos que nos chegan de EE.UU. flanqueados polo seu exército de marketing, segundo o cal “os directivos deben buscar duplica-lo tamaño das súas empresas cada tres anos”. Eis a raizame do problema.
E estamos no século XXI e a construción segue medrando sen tino nin sentido, e os créditos se reparten ás cegas porque hai que seguir duplicando o tamaño das empresas (neste casos, dos Bancos) cada tres anos, e empezan a abrolla-los primeiros síntomas de desaceleración ante o que os “cristiáns renacidos” deciden invadir Irak nunha demostración máis de como as gasta o vello capitalismo que agora hai que refundar. E chegan os plans “Paulson” e os plans “Brown”...
Eu, se lles digo a verdade, prefiro o “Plan Bowles”; ah!, que non o coñecen? Pois o “Plan Bowles” foi proposto por Manuel Vázquez Montalbán na súa novela (adoito cualificada de “experimental”) “Yo maté a Kennedy” no cal determinaba, por exemplo, o continxente sueco de produción de garfos de aceiro inoxidable así como o monopolio para a fabricación de saleiros de mesa en toda a zona capitalista.
Falando seriamente... Non paga a pena profundar nas orixes do gran desastre do 2008 porque coido que a estas alturas, quen máis quen menos ten unha idea do ocorrido. Non a temos tanto sobre o que aínda está por ocorrer. De entrada, eis a data do 15 de novembro para “refunda-lo capitalismo”. E claro!, antes de poñerse a tarefa tan singular, coido eu que haberían de definirse os obxectivos dese suposto novo capitalismo, sobre o cal Lula e Berlusconi, por citarmos dous asistentes confirmados, terán posicións pouco coincidentes.
Un novo capitalismo é posible?
A nove orde mundial, se algún día se quere empezar a construír, debería ter un gran e solemne obxectivo: a diminución das aberrantes diferenzas de renda e riqueza entre a especie humana. E non só porque esas diferenzas representen unha inmoralidade insoportable, senón porque tamén forman parte do gran problema económico. Pero para que tal obxectivo tivese algunha posibilidade de éxito nun prazo razoable, haberiamos inventar un imposto mundial para as grandes fortunas. Non é inédito, xa se intentou, con pouco éxito, a escala nacional en, por exemplo, o Reino Unido. O pouco éxito debeuse, naturalmente, a asimetría da medida, que provocou a fuxida de capitais cara a outros sistemas fiscais máis benignos cos adiñeirados.
Unha supertaxa para os máis ricos do mundo (persoas e empresas) non tería por que ser unha quimera. Con esas contías, constituiríase un gran Fondo a administrar, por exemplo, pola ONU, para o seu investimento en plans agrarios, industriais e educativos nos países máis pobres do planeta. O Fondo, ben administrado, mesmo daría resultados financeiros positivos a medio ou longo prazo, por suposto colectivos, pero igualmente individuais para os contribuíntes ó propio fondo na mesma proporción das súas achegas. É posible.
Agora, estamos dispostos (como “xénero humano”) a renunciarmos á hexemonía e dominio absoluto dos ricos sobre os pobres? A “refundación do capitalismo” requiriría a revisión completa do funcionamento actual do sistema. Estamos dispostos?
Estamos dispostos a redefini-la globalización (ollo a Rolda de Doha) para situar como primeiro obxectivo o abastecemento xusto nos países menos desenvolvidos?
Estamos dispostos a redefini-lo concepto de beneficio pasando do actual de “rendemento individual a curto prazo” a un novo de “resultado colectivo a longo prazo?
Estamos dispostos a revisa-la posición de dominio das grandes multinacionais en determinados sectores e as súas prácticas no mundo global?
Estamos dispostos a restrinxi-lo comercio cos países que non asuman condicións éticas de traballo e ambientalmente sostibles de produción?
Estamos dispostos a limita-las taxas de crecemento da actividade das institucións públicas e das empresas privadas a relacións equilibradas entre recursos propios e endebedamento?
Estamos dispostos a pecha-las axencias internacionais de rating (un dos factores instrumentais principais desta crise) e substituílas pola acción dos bancos centrais e do FMI para o risco-país?
Estamos dispostos a redefini-la función das compañías auditoras e a relación de estas cos seus clientes, así como a crear programas permanentes de auditoría de produtos e mercados financeiros (non só das empresas que comercializan os produtos e actúan nos mercados)?
Estamos dispostos a cancela-los paraísos fiscais e demais instrumentos de evasión de impostos ó alcance das grandes fortunas?
Estamos dispostos a eliminar calquera posibilidade de especulación sobre bens de primeira necesidade coma alimentos ou enerxía?
Estamos dispostos a limita-la actividade dos hedge-funds a operacións de cobertura de risco e estabilización dos prezos de aprovisionamento tal como era nun principio?
Estamos dispostos a someter a escrutinio público os salarios dos directivos de empresa por enriba duns importes moralmente aceptables?
Estamos dispostos a asumir un radical programa mundial de aforro enerxético?
Estamos dispostos a limitar ou elimina-la concesión de crédito e axudas ás empresas ou institucións que non cumpran os obxectivos de beneficio colectivo e sostibilidade medioambiental?
Creo que, cando teñamos respondido estas e outras cuestións similares, estaremos en condicións de pensar na esperanza dunha nova orde mundial. Namentres, seguiremos de convidados desta penosa “lumeirada de vaidades” que non se apaga nin sequera en época de crise mundial.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza