Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Terra de homenaxes

14:40 17/06/2008

Somos xente agradecida, o cal debería congratularnos. Disque é de ben nacidos. Nacer, polo tanto, seica nacemos a xeito. Cousa distinta, se cadra, é a maneira de medrarmos. O dos agradecementos vén, cando menos, de épocas medievais. Se non fose polos Irmandiños, Galicia sería o País cunha maior densidade de Torres de Homenaxe.

Ós señores do medievo non lles abondaba cos privilexios da súa clase, nin coa posesión das terras, nin coa cobranza dos foros, nin co sometemento dos labregos, nin coa subordinación das xentes ó seu servizo. Os señores do medievo degoiraban tamén o recoñecemento expreso do seu papel como supostos benfeitores do pobo, a manifestación pública da súa pertenza ó clan dos elixidos, dos dinasticamente superiores. Velaí as homenaxes que se lles habían organizar cada certo tempo, coincidindo coas colleitas por exemplo, nas que os súbditos debían render tributo e agradecemento ante os designios e protección do seu nobre señor.

En Galicia, a tradición medieval foi perdurando a través dos séculos baixo a forma do tan apreciado caciquismo autóctono. Mesmo semella que nos últimos anos, recruou dun modo poderoso. As homenaxes inzan o País nunha sorte de circuíto oficioso de imposicións de medallas, afillamentos predilectos e nomeamentos egrexios onde se escoitan todo tipo de laudatios e gabanzas inmensurables. Tanto é así que aquel concello ou organismo que ignore este circuíto circense de recoñecementos queda sinalado como escasamente afecto ó réxime invisible que nos goberna.

Nesta sorte de mercado das homenaxes hai valores que cotizan á alza e outros que fican devaluados. Caso digno de mención e o daquel ministro con nariz de morrosco a quen lle concedémo-la medalla de Galicia por dar a coñece-lo litoral galego nas televisións do mundo. Entre a escasa fortuna na elección dalgúns galardoados e a multiplicación de beneficiados durante os gobernos anteriores, as medallas de Galicia e Castelao perderon o prestixio que supostamente pretendían as súas convocatorias.

Entre os nomeamentos daqueles anos, botei algún en falla. In memoriam, deberíamos terlle concedido unha das medalliñas á Raíña Isabel por non ter arrasado os nosos campos cando os señores galegos apostaron pola Beltraneja; e ó Xeneral Franco, por non ter executado ós que seguiron falando dialecto en tempos da sacra cruzada; en contemporáneo, faltou a medalla ó presidente Aznar por non suspende-la autonomía cando o pobo se lanzou á rúa desafiando o ar contaminado de chapapote; e a don Manuel, por non ter instalado a Cidade da Cultura na Praza do Obradoiro; e a ministra Magdalena, por non cancelar de vez as obras do AVE Madrid-Galicia (algúns chámano AVE galego) ó cabo de tanto atranco; e a Villar Mir, por non ter desviado a corrente do Xallas e así mantérmo-la esperanza de recuperar algún día a gran fervenza... Porque somos xente agradecida.

Por unha vez, salvando honrosas excepcións, homenaxeamos a quen o merece. Por unha vez, escollémo-las persoas sobranceiras, aqueles homes e mulleres comprometidos ata o miolo na defensa da Nación, no desenvolvemento da súa cultura e na custodia das súas esencias imperecedeiras. Persoas como Méndez Ferrín, Mercedes Péon, Manuel Lourenzo, Margarita Ledo ou Francisco Leiro, entregados en corpo e alma a unha causa; institucións coma o Museo do Polo Galego ou o Laboratorio de Formas, exemplos vivos do progreso posible asociado á tradición; proxectos como a rehabilitación do Casco Vello de Pontevedra, que haberán ser imitados por moitas das nosas vilas e cidades; todos eles merecen o aplauso colectivo dun País farto de tanto recoñecemento propio do medievo.

Os Premios Nacionais da Cultura Galega representan un fito a celebrarmos. Só debemos esperar que en vindeiras ocasións o formato da entrega de galardóns estea consonte co propósito e solemnidade da convocatoria.

3,79/5 (19 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións