Múrchase unha rosa que renunciou co xesto feo do interese persoal a continuar a escrita vermella que dende hai século e medio funda un futuro de emancipación e xustiza. Virán, están a vir xa, moitas rosas e caraveis ás ringleiras que soñan e coñecen que hai outro mundo posible e mellor que aquel o que se renden as rosas murchas que non ousan desafiar o tropismo do sol que máis quenta.
Ao abeiro da refundación tecen os espazos colectivos do mañá as novas rosas que xorden das roseiras dunha tradición revolucionaria, as que se rebelan contra os que escriben un futuro pretérito de precariedade, exclusión e renuncias. No eido da esquerda son os proxectos políticos e de sociedade os que moven á militancia e ao activismo, son os proxectos elaborados en común, elaborados coa arxila poderosa do programa e a fraternidade compañeira; noutros espazos quizabes se valore a fotoxenia e os individualismos fachendosos, mais no ámbito da esquerda transformadora e polo socialismo non valen esas lerias.
Na fráxil e invencible dorna da esquerda, o relevante, o que desafía as adversidades e anuncia o porvir é a roseira, non as flores. A primavera virá na constancia das roseiras, nesa fermosura colectiva que as moitas rosas da esquerda debuxan co seu traballo social e coa elocuencia das razóns que non renuncian a utopía. Adeus Rosa Aguilar.
Naceu en Ferrol en 1971. Exerce como avogada na súa cidade natal. Milita no PCG e é coordenadora nacional de Esquerda Unida. Formou parte, como tenente de alcalde, do goberno local ferrolán . »