Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Iolanda Díaz

Seoane e Gayoso

19:15 19/11/2008

Neste novembro de melancolía cúmprense sesenta anos do asesinato de José Gómez Gayoso e Antonio Seoane pola ditadura franquista. Foi no ano 48 na Coruña cando o Xefe do Exército Guerrilleiro de Galicia e o Secretario do Partido Comunista caeron nas poutas da policía da ditadura. O seu crime fora manter viva a loita contra a ditadura, loita real e durísima, loita de ideas e soños que agromaran na primavera republicana da Fronte Popular. Foron condeados a morte tras seren torturados. Algo apresa a nosa consciencia cando lemos as cartas que nos chegaron deles nesas datas: a súa veracidade e o fondal do seu compromiso (un libro editado en Edicións do Castro, sempre o bo e xeneroso do Isaac ) recolle esas testemuñas. Érgueos á condición dos indispensables de Brecha.

Unha exposición no Forum Metropolitano da Coruña; unha mostra fotográfica que se pode ver até o 30 de novembro na Casa - Museo Casares Quiroga, a que nos pasea a ollada de Manolo Rivas na súa obra Os libros arden mal; unha conferencia na que participou o fillo de Seoane e a proxección do documental, Outro crime de Franco, realizado na nosa amada Cuba, no mesmiño ano 48, xunto cunha homenaxe no cemiterio civil onde repousan os seus restos, tentan devolverlle á nosa cidadanía a memoria de dous dos seus fillos máis egrexios. Condición gañada pola súa aposta na sorte polo seu pobo, polos fillos dos labregos, dos mariñeiros, dos obreiros, que tentaran na alborada dos trinta erguerse como pobo libre.

A súa morte non deixa de restar na memoria do noso pobo aínda en precario, como a de tantos outros que restan afastados do coñecemento da xente, no anonimato das fosas comúns, a memoria dolorida das amizades ou no coidado dos investigadores. Mais separados pola ignorancia dolosa dunhas institucións que aínda non son quen de proclamar o carácter necesario e urxente da mediciña que é a cultura do antifascismo, a que fixo imposible que trala derrota do nazifascismo quedaran en Europa símbolos nos espazos públicos do horror fascista e que fundou un culto laico aos resistentes. Cultura antifascista que é o reverso cultural dos avances sociais e económicos do benestar da postguerra.

Após máis de tres decenios da morte do ditador os tempos son chegados para cumprir o mandato da lei 52/2007 pola que se recoñecen e amplían dereitos e se estabelecen medidas a prol dos que padeceron persecución ou violencia durante a guerra e a ditadura. Paso adiante aínda que insuficiente. Sen ánimo de exhaustividade hai que considerar a posible derrogación da lei de amnistía do 77; tomar as medidas lexislativas necesarias para garantir o recoñecemento da imprescriptibilidade dos crimes contra a humanidade; prever a creación dunha comisión de expertos que restabeleza a verdade histórica sobre violacións de dereitos humanos durante a guerra e a ditadura; e permitir que as familias identifiquen e exhumen os corpos das vítimas e no seu caso as indemnizacións pertinentes: tales son os acordos da Comisión de Dereitos Humanos da ONU na súa xunta de 30 de outubro última.

A Declaración do Grove, xurdida das xornadas celebradas a finais de outubro nesa vila , demanda as seguintes accións: o recoñecemento e disculpas do Estado pola infamia do réxime nado da guerra; a creación dun rexistro de desaparecidos; a creación dunha Comisión Intergubernamental de Búsqueda; a creación dun Banco de Dados Xenéticos; a esixencia para a Fiscalía Xeral do Estado de instar a nulidade das sentenzas xudiciais do franquismo; a necesidade de reparar o dano feito co bálsamo do coñecemento e do recoñecemento; e a creación dunha Comisión da Verdade de carácter independente.

Os miles de Seoanes e Gayosos que habitan a dor da memoria esquecida nolo demandan. Recoñecelos é devolvermos como sociedade a dignidade que perdemos na longa noite de pedra.

4,58/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Iolanda Díaz

Naceu en Ferrol en 1971. Exerce como avogada na súa cidade natal. Milita no PCG e é coordenadora nacional de Esquerda Unida. Formou parte, como tenente de alcalde, do goberno local ferrolán . »



Anteriores...