Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Iolanda Díaz

Sen flores nin coroas

12:30 31/12/2008

Roxe o inferno nos territorios ocupados de Gaza. As bombas dun  dos exércitos dos máis poderosos do mundo caen nas vilas palestinas  – fano entre os silencios abouxadores desa ficción nauseabunda que alcuman comunidade internacional,  cortello obsecuente cos tiranos poderosos que só expresa firmeza cos febles – ; caen  bombas que  asasinan a civís palestinos indefensos, caen e roxen para manter unha ocupación ilegal e ilexítima. Tanta razón ten o pobo palestino que se dá o caso de que legalidade e lexitimidade están da súa parte, militan na súa causa, aínda que semellen como agora impotentes diante da sin razón da forza.

Van preto de trescentos mortos  e un milleiro de feridos ( cicáis xa son máis cando anoto estas liñas, nesa aritmética criminal e progresiva que o sionismo aplica ao pobo palestino ) neste ataque que hai que cualificar como crime de guerra, e que debería sentar os seus responsables na  Corte  da Haya se houbera algo veraz tras o epíteto de comunidade internacional, esa Corte  que condenou a construción dun muro sen outro resultado que a súa continuación entre a resignación dos Estados europeos preocupados eles polos dereitos humanos en Cuba ou Venezuela.

Semella que as campañas electorais en Israel requiren  pór nas morgues un bo feixe de palestinos para que se vexa que os futuros gobernantes israelíes son firmes e valerosos. A mágoa é que esa firmeza e valentía se empreguen para cometer unha e outra infamias, crimes de guerra  e contra a humanidade, e como hai setenta anos nada se fai efectivo no resto do mundo para impedilo.

Semella que aos  Gobernos israelíes  non lles chega coa práctica dunha guerra económica que asfixia ás condicións de vida – ou morte sería máis correcto dicir – da cidadanía insubmisa de Palestina. Constrúe guettos ocupa  con colonias unha terra que non é súa, levanta muros de infamia, confisca bens e recursos naturais… nunha praxe de ocupación que avergoñaría os xudeus que combatiron no guetto de Varsovia a infamia nazi; hai demasiadas cercanías entre ambalas dúas infamias opresoras como para non tracexar paralelos.

A Unión Europea e o electo presidente dos Estados Unidos nada fan que coute a barbarie criminal que se abate de xeito cotián sobre o pobo palestino. Cómpre non esquecelo. Cómpre actuar en consecuencia  cando argumentemos, falemos ou nos mobilizemos. Que deberemos facelo: na nosa localidade, mais tamén a nivel nacional haberá que organizarmos para non aceptar quedarmos nun silencio cómplice. Hai que suspender un acordo de asociación UE-Israel que deixa cartos nos petos dos que alientan un exterminio dun pobo, o palestino. Hai que esixir que a ONU deixe de ser unha pantasma  en mans do imperialismo e faga cumprir a morea de resolucións que demandan unha Palestina libre. Hai que afirmar o dereito do pobo palestino á lexítima defensa contra a barbarie ocupante. Hai que saír as  rúas a demandalo.

Entanto morren en Palestina sen flores nin coroas,  na procura dunha terra libre e súa,  e dun aceno noso que lles devolva a esperanza na fraternidade  internacionalista da mellor humanidade, a que non se envilece na resignación.

4,17/5 (30 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Iolanda Díaz

Naceu en Ferrol en 1971. Exerce como avogada na súa cidade natal. Milita no PCG e é coordenadora nacional de Esquerda Unida. Formou parte, como tenente de alcalde, do goberno local ferrolán . »



Anteriores...