Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

Four more years

10:00 09/01/2009

No ano 2004, os republicanos dos Estados Unidos, que daquela tiñan a George W. Bush como unha deidade polo seu puño de ferro contra o que chamou en xenérico “terrorismo” tras o 11-S, deseñaron unha campaña electoral destinada a conseguir unha segunda lexislatura na que se blindara o país ante a ameaza que supuña Bin Laden. O lema desa campaña republicana eran tres simples palabras: Catro anos máis. Catro anos era o que precisaban Bush en Cheney para levar o país onde o levaron, ao desastre total.

Pero o lema funcionou. Foron enxeñosos e gañaron. Non pretendo comparar Galiza cos Estados Unidos, pero neste tempo preelectoral hai algunhas cousas que calquera observador pode intuir. Por exemplo, sobre que van xirar as campañas do PP, do PSdeG e do BNG. Descoñecemos os lemas pero, por desgraza, a política galega é xa tan previsíbel que os estamos vendo vir.

Aparentemente, ningún cidadán que se sinta galeguista e de esquerdas quererá na Xunta ao Partido Popular, así que semella claro que se a suma dá, PSdeG e BNG voltarán formar goberno. Tampouco semella que o PP dispoña dun músculo tan poderoso como para arrasar e chegar aos 38 escanos, así que de partida o previsíbel é unha reedición do equipo Touriño-Quintana.

A pregunta é: catro anos máis para que? Para consolidar o cambio? Para facer unha política real de galeguismo e progreso? Ou, simplemente, para que non goberne o Partido Popular? Nestes catro anos amplas capas da sociedade creron que a mudanza en San Caetano se ía notar moito máis, con decisións políticas contundentes que tiveran como obxectivo virar as políticas instauradas nos 15 anos de fraguismo. Mais as impresións que teño e que me trasladan as xentes que viven a realidade galega cotiá, que non é o meu caso, son que durante estes catro anos se xogou máis a non molestar que a construir. Quíxose, o cal é perfectamente lícito, penetrar no electorado do PP para consolidar o cambio, antes que satisfacer aos propios. Pero iso eleva o nivel de esixencia para a vindeira lexislatura.

Estes catro anos tamén serviron para comprobar que é practicamente imposíbel que xurda a curto prazo unha alternativa á esquerda do BNG que recolla o descontento existente entre aqueles que observan con desacougo como se vai deixando o soberanismo aparcado ata un mellor momento. As discusións infantís e os protagonismos personalistas condenarán para moito tempo a unha porción importante dos nacionalistas ao extraparlamentarismo.

Estes días de Nadal tamén observei como moitas persoas que militan ou simpatizan desde hai anos co BNG voltaron sentir fachenda ao coñecer o resultado do concurso eólico. O argumento que empregaban era ben sinxelo: vendo os que o están criticando, está claro que Industria o fixo ben. Realmente só protestaron o PP, parte do PSdeG e La Voz de Galicia. Sen dar, por outra banda, ningunha razón clara e tampouco ningunha alternativa. O máis enxeñoso foi, outra vez, o columnista estrela do xornal con maior difusión, atacando a resolución da Xunta (porque é da Xunta aínda que a algúns non lles goste) porque foi liderada por un partido que representa ao 18% dos votantes. Polo tanto, hai un sector do nacionalismo que recuperou folgos grazas a algo tan simbólico.

Recollidas estas impresións, e agardando as vosas, a única opción realista para seguir construíndo País, desde o meu ponto de vista, pasa por reeditar unha coalición que puido deixar con sede a algúns, pero que de non existir seguiría enviando á inanición política a moitos máis. Son precisos catro anos máis, iso si, coa correlación de forzas que os electores decidan.

3,83/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións