Estánse a poñer nerviosos. Non poden con el –nin con outros moitos-, pero cara el teñen especial fixación. Convén lembrar hoxe que Juan José Ibarretxe é lehendakari grazas a que no ano 2005 votaron por el 463.873 vascos e vascas, o 38’6% do censo electoral. Antes gañara no 1998 e no 2001, colleitando nesa ocasión os mellores resultados xamais acadados por ningún candidato a lehendakari en Euskadi. Mais algúns dos que presumen de ser os mellores demócratas de España, eses que empregan a Constitución española para dicirnos que se pode e que non se pode facer, aqueles que defenden o sistema do virus do disenso e da pluralidade de opinión, non lle gardan o mínimo respecto nin humano nin institucional. A cita que titula este artigo foi pronunciada por un Catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago na Radio Galega contra Ibarretxe.
Non é o primeiro que o insulta desa maneira, nin é a primeira vez que o fai, pero como Ibarretxe é o Presidente do país onde vivo e traballo –estea máis ou menos de acordo coas súas ideas, que iso non vén ao caso- véxome na obriga de dicir algunhas cousas. Xa escribín algunha vez que para comprender a globalidade da proposta feita polo lehendakari no nome do Goberno vasco había que ler o texto, e unha vez feito iso poderíase opinar. Teño a certeza de que moi poucos dos que denigran esa oferta a leron na súa integridade. Porque se poderá estar máis ou menos de acordo con ela, pero ninguén pode negar que é totalmente lexítima e fondamente democrática. Distinto é que puidera lograr os obxectivos para os que foi deseñada (paz e normalización política).
Ser Catedrático non dá licenza para insultar: “iluminado”, “burócrata aburrido”, “radical”, “santurrón”, “obtuso”, “obsesivo”, “delirante”, “racista”… Son algunhas das cousas que esta persoa dixo de Ibarretxe. O que me sorprende é que haxa tanta xente que teña a quen asina semellantes calificativos coma unha referencia da Universidade galega, porque como galego iso dáme moita mágoa. A razón aparente? Que o lehendakari quere consultar aos vascos dúas preguntas que, sinceramente, non vexo a quen poden mancar. A razón real? Desde o meu punto de vista, que ser Catedrático non é sinónimo de ser demócrata e de aceptar a vontade da cidadanía.
O debate de fondo non é se a consulta é legal ou non o é (onde se viu un país no que o Presidente non pode consultar aos seus cidadáns? Pódese facer una enquisa gubernamental con esas mesmas preguntas pero non se poden poñer urnas?). O debate de fondo é se a lei está ao servizo da sociedade ou é a sociedade a que está ao servizo da lei. O asunto non é menor. Aquí non se pode tocar a Constitución, aínda que sexa machista no eido da Monarquía (a propia Monarquía merece outro capítulo), porque se abren riscos; e tampouco se pode modificar a lei para satisfacer as demandas dunha parte da sociedade que xamais poderá materializar o seu proxecto político porque a eterna maioría no Estado español decide que se pode e que non se pode facer. Aínda que esa maioría en España sexa minoría en Euskadi.
De Ibarretxe dise que quere a independencia, a secesión e dividir aos vascos. Pero o cidadán de a pé que leu as preguntas non ve tal cousa, porque non a hai. Isto non é autodeterminación nin darlle osíxeno a ETA, a isto chámaselle darlle a palabra ao pobo. Cheguei a escoitar nalgunha ocasión que debería facerse un referéndum en Álava para saber se os alaveses queren ou non ser vascos, como se o ser vasco dependese de a que partido se vota. O razonamento que fan é o seguinte: “como en Álava veñen gañando –desde hai só oito anos- o PP e o PSE, os alaveses non queren ser vascos”. Este é un argumento ou ben trampulleiro ou ben de analfabetismo político, porque aplicado a Galicia significaría que os galegos non queren ser galegos porque votan ao PP. Para Navarra serve igualiño esta ecuación.
Seguramente Ibarretxe non fará a consulta. Todo está na súa contra, pero o que si se van preguntar moitos vascos é que lles queda, se non é posible sequera respostar ás dúas preguntas que nos propuxo o lehendakari. Mentres, os que nos dan leccións de democracia todos os días seguirán a insultar e a denigrar ás persoas e ás ideas. Canto máis o fagan, máis persoas haberá convencidas de que con eles non hai ningún proxecto que compartir nin ningunha convivencia que construir. Por moi catedráticos que sexan.
Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".