Vieiros

Vieiros de meu Perfil


UN NOVO DIALECTO DO CASTELÁN: O GALEGO PROGRE

Hai dúas formas principais de esmagar a lingua galega . Unha é o típico proceso de castelanización, o que se dá en maior cantidade na fala popular, o galego vulgar, cada día máis castelanizado e máis caricatura do que é o galego. Dese proceso de castelanización é culpable a histórica imposición institucional do castelán en Galiza. E a outra é o que eu chamo "galego progre".

O "galego progre" é un galego pretendidamente correcto, que algúns ignorantes e os malintencionados chaman "galego de laboratorio e aportuguesado" mais que, polo contrario, realmente é tamén galego castelanizado e ademais ridículo. É o galego falado por supostos intelectuais (non os que son especialistas en filoloxía galega nin os lusistas) e sobre todo políticos en xeral. Incluíndo os nacionalistas, si, e non só incluíndoos senón que estes son os máis culpables pola responsabilidade especial que teñen ao seren nacionalistas, e máis aínda se ocupan cargos públicos nas institucións de goberno ao nivel que sexa. Desta forma de destruír o galego é responsable a nosa "intelligentsia", as cabezas pensantes dos supostos galeguistas que velan por todos nós.

Consiste en cousas como por unha parte utilizar termos o máis afastados posible do castelán, tratando de achegarse ao portugués dunha maneira absurda se temos en conta que, por outra parte, utilizan castelanismos tan burdos que non son normais nin entre a xente do pobo que fala o galego castelanizado a que me referín ao principio. Ese galego progre témolo á orde do día na maior parte dos políticos coñecidos. Algúns rasgos cómicos de dito galego son:

* Utilizar a conxunción copulativa E coa pronuncia portuguesa de I, mais na prática percibido pola xente como o Y castelán. E fan iso de maneira sistemática, en calquera contexto no que estea o E. En cambio, en vez de dicir ISTO (como en portugués e como en galego correcto) din ESTO, de maneira que nunha frase que diga "e isto é así", eles din "y esto é así", co cal xa vemos que en vez de achegarse ao portugués ao que se achegan é a o español ou castelán máis evidente.

* Dicir moito ATÉ, GALIZA (nunca GALICIA), MEIRANDE, CONCELLO ata falando en castelán, fan moi ben os plurais de palabras agudas acabadas en L en -AIS/-OIS/-EIS/-UIS, din tamén xeralmente ESTRADA, NINGUÉN, ADESTRADOR (o entrenador nun deporte) e outras cousas que están de moda, ben ou mal ditas, segundo os casos...

* Mais ao mesmo tempo non corrixen nunca groseiros erros léxicos, construccións sintácticas impropias do galego, entoación ou fonética tamén allea ao galego e que non emprega nunca a xente do campo. Cousas como dicir TODAVÍA unha e outra vez, pronunciar UNHA como se fose UNA (isto ademais xa é chegar a un extremo que demostra que esa xente non está acostumada en galego nin a oír falalo), perífrases do tipo VOU A máis infinitivo (tamén machaconamente repetido e sen molestárense en rectificar), emprego sistemático de PERO en vez de MAIS, non utiliazación en ningún caso do infinitivo en forma persoal, utilización constante de AHORA, ENTONCES, ESTOS como plural de ESTE, SARTÉN en lugar de TIXOLA, supresión do seseo nas zonas nas que sempre se emregou (Rías Baixas, por exemplo), para utilizar no seu sitio o galego "standard" (niso tampouco imitan o portugués), se imos ao norte de Galiza é frecuente que ignoren o NÓS e VÓS para usaren sistematicamente "NOSOUTROS" e "VOSOUTROS" (calcando do castelán, converterse nun dialecto seu), o emprego de BOAS NOITES, BOS DÍAS... usando o plural do castelán, etc., etc., etc. Algúns incluso chegan ao emprego do pretérito perfecto composto, como para dárense máis aires de seriedade por ser copia do castelán (e aínda hoxe infrecuente no castelán falado en Galiza), aínda que este caso de momento non é o máis frecuente e só o fan os máis analfabetos con vocación pedante: HAN FEITO...

É o galego que acostuman falar os "normalizadores" lingüísticos, os que teñen que dar exemplo e que demostran que non están interesados máis que en ocupar poltronas, prosperar persoalmente na política ou simplemente xogar a iso sen tomar realmente en serio a recuperación e boa saúde da lingua. Nunca reclaman -nin o fixeron cando gobernaron- que na TVG houbese alguén encargado de velar pola corrección lingüística dos contidos, do que se di nos programas. Ante eses que falan así o "galego", moitas veces os portugueses prefiren que lles falen en castelán, o cal é proba do seu fracaso. Aínda así, eles continúan sen dárenlle importancia a estes pequenos detalles, como xa dixo algún bloqueiro neste foro, "só faltaría darlle importancia política a esas cousas". A lingua, evidentemente, só é importante para esta xente como medio para medrar social ou politicamente.

Naturalmente, os que todos sabemos pescan neste río revolto, aprovéitanse disto e desenvolven con habilidade todo o que tende a acabar progresivamente coa lingua, que o levan á prática da lingua que falan e escriben, ademais de derogaren decretos, fecharen galescolas, promocionaren Galicias Bilingües, etc.

Enviada por Xeonllo Xeonllo o 27/10/2009 16:41

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: