Un colectivo vigués en defensa do consumo do cannabis denuncia a detención dun asociado, pide que se arquive a causa e a reposición das plantas incautadas.
A Garda Civil anunciaba o pasado luns a localización dunha plantación de marihuana en Soutomaior, onde se incautaron de 60 plantas e detiveron a unha persoa, quen declarou ser o propietario e coidador das plantas. O arrestado, un home de 48 anos, pasou a noite na cadea e foi liberado ao día seguinte, despois de tomarlle declaración.
Á saída agardaban varios compañeiros da Asociación Viguesa de Estudos da María (AVE María), un colectivo que defende dende hai máis de dez anos o uso do cannabis terapéutico e lúdico. “É o noso deber estar hoxe aquí”, dicía un dos voceiros, “xa que as plantas eran para o consumo de todos os membros da nosa asociación”. Ao tempo que anunciaron que se inculparán na celebración do xuízo, denuncian a detención do seu asociado, xa que defenden que a plantación colectiva de marihuana se adicaba exclusivamente ao seu consumo, algo que non prohibe a lexislación.
Exixen a reposición das plantas incautadas
AVE María denuncia ademais que “estas operacións policiais favorecen o narcotráfico” e aseguran que “esta guerra ás drogas se ceba en simples usuarios que exercemos o noso dereito a plantar marihuana para o noso consumo, escapando do mercado ilegal”. Deste xeito, lamentan verse obrigados “con medidas represivas contra os consumidores que se autoabastecen a ter que recorrer ao mercado ilegal e os riscos que comporta”, entre os que nomean prezos elevados, dubidosa calidade e salubridade ou inseguridade.
Ademais, este colectivo exixe o arquivo do proceso xudicial aberto e a devolución das plantas incautadas, unha mercancía que, segundo explican, sumaba máis de sete quilos e medio. Asemade, fan un chamado de atención “pola normalización do cannabis e o cese inmediato das incautacións de pequenas plantacións de marihuana para o autoconsumo”.