Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOS XULGADOS DE VIGO

Non houbo conciliación entre Galiza Nova e Gloria Lago

A presidenta de Galicia Bilingüe non compareceu perante o tribunal despois de demandar á organización xuvenil do BNG por un presunto delito contra a súa honra.

Redacción - 17:45 01/07/2010
Diante dos xulgados manifestáronse medio cento de persoas a prol de Galiza Nova

Diante dos xulgados manifestáronse medio cento de persoas a prol de Galiza Nova

Gloria Lago, a presidenta de Galicia Bilingüe, non se presentou este xoves ao acto de conciliación celebrado nos xulgados de Vigo en relación coa demanda interposta por esta organización por un presunto delito contra a súa honra, polo que reclama unha indemnización de 30 mil euros.

Da outra banda, Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova, compareceu no acto xunto co procurador e avogado da demandante. Arroupada por medio cento de persoas que participaron nunha concentración previa perante aos xulgados, Aboi lamentou que esta demanda só procure “criminalizar a defensa da lingua galega”.

Aboi asegurou que non houbo conciliación porque cada parte reafirmou a súa versión e asegurou que “agora vai depender de Gloria Lago que haxa xuízo ou non” e engadiu “se quere xuízo haberá xuízo”. “Seguiremos defendendo a nosa liberdade de expresión”, apuntou destacando o lema baixo o que se concentrou Galiza Nova diante do xulgado ('Pola liberdade de expresión, polo dereito a falarmos en galego') na que participaron, entre outros, o portavoz de Queremos Galego, Fran Rei; o presidente da Mesa pola Normalización, Carlos Callón; ou os deputados nacionalistas, Bieito Lobeira e Henrique Viéitez.

A acta, en castelán
Iria Aboi denunciou tamén a discriminación do galego na Xustiza, xa que non foi posíbel recibir unha copia da acta no noso idioma, mentres que si era posíbel contar con ela en castelán. “E a mostra de que o galego non está normalizado”, dixo a portavoz de Galiza Nova quen asegurou que “unha vez máis ficaron conculcados os nosos dereitos, porque mentres o avogado de Lago levou a acta nun perfecto español, nós marchamos coas mans baleiras”. Agora, Galiza Nova terá que agardar a que o Xulgado traduza o texto e o envíe por correo.


4,78/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: