Os profesionais dos medios debaterán sobre a introdución de conceptos como os da autoría nos convenios colectivos.
A xeneralización das novas tecnoloxías e a súa aplicación nos medios de comunicación trouxo canda si a reutilización dun mesmo traballo xornalístico en diferentes soportes, edicións e tempos. Proliferou así a figura do “xornalista multimedia”, concepto que se converteu, na realidade, nun sinónimo de xornalista “para todo”, un profesional que, por un mesmo salario, escribe para o papel e para a rede, redacta para a televisión e fala na radio. Aínda máis, outras veces, sen o seu consentimento nin coñecemento, o seu texto é obxecto do clásico “corta e pega” doutros redactores que operan nos mesmos medios.
Dende CCOO apuntan que “xa é hora de reaccionar contra estas prácticas que, de feito, precarizan o emprego”. Afirman que “cómpre exixir os dereitos de autor do traballo xornalístico” e cren que “se debería comezar pola introdución dos conceptos nos convenios colectivos”. Para facer visíbel este problema entre a profesión, o sindicato organiza un coloquio este martes centrado nos dereitos de autoría dos profesionais dos medios de comunicación. Neste foro, as persoas interesadas terán a oportunidade de se informar e debater cos profesionais que, desde o sector de medios de comunicación de CCOO, traballan sobre estes asuntos.
Neste coloquio, que estará moderado pola xornalista da TVG Ana Sanmartín, participarán os seguintes relatores: Ana Molano, xornalista de RTVE; Nacho Bazarra, xornalista da Axencia EFE; Silvia Tubio, xornalista do Diario de Cádiz; e Paco Audije, xornalista de RTVE e único representante español na dirección da Federación Internacional de Xornalistas. Celébrase este martes 29 de xuño a partir das catro e media da tarde no Centro On de Caixa Galicia, en Compostela.