Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Intervención na ONU

"Tarde ou cedo a legalidade internacional triunfará no Sáhara occidental"

A Fronte Polisario pide no Comité de Descolonización das Nacións Unidas que a comunidade internacional revitalice o compromiso coa causa saharauí.

Redacción - 12:35 24/06/2010

"Marrocos intentará, sobre a base do apoio de certas amizades, implicar o Consello no intento de impedir a celebración do referendo ao que Marrocos se subscribira e substituír o principio básico da descolonización, o da autodeterminación, polo principio dunha chamada 'solución política mutuamente aceptable' cuxo obxectivo é en realidade ofrecerlle á potencia ocupante a posibilidade de exercer un veto ao principio de autodeterminación.... imaxinemos por un só instante que esta posibilidade, que este veto ao principio de autodeterminación, fose ofrecido a todas as potencias europeas con posesións coloniais en África, América latina, Caribe e Asia: moitos non estarían sentados aquí como Membros da ONU".

Así o expuxo esta semana no Comité de Descolonización das Nacións Unidas o representante da Fronte Polisario, Ahmed Bujari, quen subliñou que o pobo saharauí "non renunciará xamais" ao seu dereito á autodeterminación e independencia. Para os representantes saharauís "non hai indicios de que Marrocos vaia cambiar de posición nun futuro inmediato". Denuncian desde a Fronte Polisario que os marroquís confían en que polas súas relacións bilaterais "con algún membro permanente do Consello de Seguridade" a ONU fracase en conducir o último territorio africano na axenda do comité especial da ONU cara a súa plena descolonización. "Marrocos somete a proba a paciencia do pobo saharauí e a paciencia da comunidade internacional", censurou Ahmed Bujari.

Neste escenario, Bujari insistiu en que o comité da ONU debe recuperar as visitas ao territorio saharauí (a última foi hai 35 anos) e contribuír á presión a Marrocos para que "coopere cos esforzos da ONU para poñerlle fin a unha situación colonial insostíbel que hipotecou o futuro de toda unha rexión e que non trouxo máis que o retorno da desconfianza, inestabilidade e inseguridade".


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: