Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O presidente español pasa o 'exame'

Zapatero desbota novas medidas para reducir o déficit e confía nas aprobadas

O director xerente do FMI, Dominique Strauss-Kahn, di que a reforma laboral vai "absolutamente na dirección correcta" e gaba o plan de recortes sociais.

Redacción - 18:00 18/06/2010
Strauss-Kahn e Zapatero, este venres

Strauss-Kahn e Zapatero, este venres

O presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, desbotou este venres a posibilidade de desenvolver novas medidas para reducir o déficit porque considera que o proceso de consolidación e redución aprobado polo seu Executivo vai dar "resultados positivos".

Manifestouno nunha conferencia de prensa conxunta co director xerente do Fondo Monetario Internacional (FMI), Dominique Strauss-Kahn, onde recibiu as louvanzas deste organismo ao 'plan de axuste' posto en marcha nas últimas semanas e á reforma laboral.

Zapatero asegurou que todas as medidas que foron planificadas e que xa están en marcha facilitarán que o Estado consiga reducir o déficit ao 6% no ano 2011, á vez que agradeceu o compromiso das comunidades autónomas neste sentido.

Tamén repasou o seu encontro con Strauss-Khan, e cualificou a conversa de "interesantísima" ao falar sobre as perspectivas económicas, a UE, a situación dos mercados, o sistema financeiro e as reformas implementadas.

O xefe do Executivo español explicoulle os plans sobre a redución do déficit, a reestruturación do sistema financeiro, as pensións, a reforma laboral e outras que aínda están en marcha, como a dos servizos ou a do ámbito enerxético.

Ademais, transmitiulle a súa "decisión e plena determinación" para as levar a cabo. Por último, manifestou o seu "profundo agradecemento" a Strauss-Khan polos consellos, suxestións e reflexións, que son "das máis suxestivas" que se oen sobre economía.

Esforzos para a cidadanía
Pola súa banda, Strauss-Kahn, considerou que a reforma laboral vai "absolutamente na dirección correcta" e é "crucial" para garantir un mercado "máis efectivo e eficaz" no Estado, onde o paro medrou máis ca noutros países.

Con todo, o director xerente do FMI avogou por agardar a ver se "mellora" durante a tramitación parlamentaria porque a reforma sentará as bases para as próximas dúas décadas de crecemento e porque as cousas sempre se poden mellorar.

Tamén, valorou positivamente as medidas para reducir o déficit, e asegurou que ten unha confianza "enorme" nas perspectivas a medio e longo prazo para a economía española sempre que estas se leven a cabo, aínda que supoñan certos esforzos para a cidadanía.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: