A plataforma Adicae prognostica que antes de final de ano as entidades financieiras expropiarán máis de seis mil pisos no noso país.
O paro, a situación económica e o endurecemento das condicións dos bancos e caixas están a producir un máis que notábel incremento de embargos de propiedades inmobiliarias. A Plataforma Hipotecaria de Adicae estima que, de seguir a este ritmo, a final de ano máis de 6.100 familias galegas van perder propiedades inmobiliarias, fronte á previsión de 2.600 que tiña o Consello Xeral do Poder Xudicial para este ano 2010.
Dende esta asociación consideran que o estoupido da burbulla inmobiliaria está a notarse agora con máis virulencia. Adicae culpa directamente do que está a suceder ás entidades financieiras que “alimentaron a burbulla con taxacións inchadas, hipotecas lixo, importes excesivos e concesións sen garantías adecuadas”.
Fronte a isto, Adicae anuncia concentracións simultáneas en 13 cidades do Estado Español entre elas Vigo e A Coruña para o vindeiro sábado 19 de xuño. Dende esta plataforma sinalan que este é un primeiro paso para mobilizacións máis grandes que se celebrarán logo do verán.