Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Retroceso"

O BNG anuncia o seu voto en contra do decreto de reforma laboral

Os nacionalistas "non apoiarán nunca rebaixas e retrocesos nos dereitos laborais dos traballadores", afirmou a deputada Olaia Fernández Davila.

Redacción - 17:00 16/06/2010
Davila e Jorquera, esta cuarta feira

Davila e Jorquera, esta cuarta feira

A deputada do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, afirmou que e que, polo tanto, a formación nacionalista votará en contra do Decreto da Reforma Laboral.

O Consello de Ministros aprobouno esta cuarta feira e será sometido a debate e votación no Pleno da semana vindeira. Con todo, o BNG vai votar a prol de tramitar o Decreto como proxecto de lei co fin de o poder mellorar e que "sexa o menos inxusto posíbel para os traballadores".

A deputada do BNG criticou o goberno español porque "optou pola liña política do PP e da patronal, aínda que a dereita non vaia apoiar estas reformas por rédito político, por intereses electorais e por cinismo".

Para Davila, a reforma "afonda na que fixo Aznar no ano 1997. Van polo camiño das medidas que reivindica o PP", e explicou que "a pesar de teren anunciado diálogo con todos, non se dirixiron ao BNG para falar do Decreto, o cal é a demostración de que sucumbiron aos ditados da dereita".

"Mentres o goberno de Zapatero continúe servindo ás ordes dos poderes financeiros, do FMI e da dereita europea con políticas de axuste dirixidas contra os dereitos sociais e laborais, o BNG non o apoiará", afirmou.

Desde o BNG lamentan que o goberno español non adopte outras medidas para reducir o déficit, tal como a "diminución do gasto militar" e a "volta das tropas de Afganistán". Ademais, consideran que a reforma é un "retroceso" xa que "abarata o despedimento".

"Desvinculación da negociación colectiva"

Entre outras das "graves medidas" que se adoptan co Decreto, Davila salientou que "facilita ás empresas a desvinculación da negociación colectiva". "Unha medida preocupante porque incide na desregulamentación das relacións laborais", dixo.

Esta situación -apuntou- "vai deixar moitos traballadores e traballadoras nunha situación de desprotección. Lamentamos que o Goberno opte por lexitimar actuacións empresariais abusivas". Por último, Davila explicou que na actualidade xa se producen moitos abusos, "mais até o de agora podíase denunciar; coas novas normas do goberno os traballadores ficarán desamparados".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: