Os traballadores da fábrica reiteran a petición do cese da dirección e anuncian que acudirán á vía penal.
Inspección de Traballo da Coruña responsabiliza a Repsol dunha “infracción grave” en relación co accidente do pasado 15 de abril na súa refinaría da Coruña, que provocou a morte dun operario e feridas moi graves a outro. Mentres, o Comité de Empresa, xa co informe na man, reiterou a súa petición de cese da dirección e anunciou que recorrerá ante os tribunais.
Responsabilidade absoluta de Repsol
A acta de Traballo, difundida pola CIG, conclúe que “o procedemento de traballo que se estaba a utilizar, imposto por Repsol, e que se cumpriu en todos os puntos, non era correcto”, polo que se aconsella a empresa a mellorar a protección dos operarios nas súas instalacións.
O informe atribúe ademais á empresa a infracción de até catro artigos relacionados coa protección da saúde e a seguridade dos traballadores expostos a riscos derivados de atmosferas explosivas, que recolle a Lei de Prevención de Riscos Laborais e rexeita que, por parte dos traballadores, houbese un incumprimento dos puntos que estabelece a refinaría para estes traballos.
Cualifica os feitos de unha “infracción grave no seu grao máximo” e responsabiliza a Repsol que, “como titular da planta é quen estabelece o procedemento de traballo e as condicións nas que se debe de realizar”.
Cese dos responsábeis
O Comité de Empresa pediu, outra vez, o cese do equipo directivo da fábrica que “a día de hoxe, dous meses despois do accidente, aínda non tivo lugar”. Aseguran que a refinaría “segue en mans dunha equipa directiva responsábel dunha morte, dun ferido moi grave e de importantes danos nas instalacións e pregunta “até cando se manterá esta situación”.
Anuncian que a súa intención é levar á vía penal o procedemento por este accidente e aseguran que serán os xulgados quen “depuren as responsabilidades xurídicas dos directivos”.