A CIG denuncia o que considera que é un novo exemplo de como a Consellaría de Educación recorta investimentos no ensino público.
Rexeitamento unánime no Consello Galego de Formación Profesional á última proposta que puxo na mesa a Consellaría de Educación. O anuncio da Xunta a través deste órgano de que pretende modificar as ratios mínimas para manter abertos os ciclos formativos ou abrir outros novos "pon en perigo a continuidade da oferta no ámbito rural", advirte a CIG-Ensino. Non só o sindicato expresou o seu rexeitamento a esta medida, senón que o resto de integrantes, incluída a patronal, mostrou a súa preocupación pola iniciativa da consellaría.
Trátase na práctica de aumentar o número mínimo de alumnos (de 8 a 12 nas cidades e de 6 a 8 nas vilas). "Esta modificación vai traer como consecuencia o peche de ciclos, fundamentalmente no rural, o que significa liquidar a oferta de FP", quéixase a CIG.
A formación sindical láiase ademais de que se vulnerasen as propias canles de negociación, evitando convocar a mesa sectorial, e critica que hai apenas dúas semanas Educación, preguntada especificamente polos novos ciclos a impartir, "nin sequera garantiu que fose haber novos ciclos". Paradoxalmente, apenas uns días máis tarde, explican desde a CIG, notificouse que os centros comezaran a recibir chamadas da administración "indicándolles que ciclos teñen que impartir, mais sen lles requirir cales son as necesidades materiais e de profesorado para implantar os novos grupos e sen ter realizado a necesaria formación do profesorado para afrontar esa implantación". "Recortan investimentos no ensino público mentres dilapidan millóns de euros para reducir a presenza do noso idioma", censura o sindicato.