Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Guerra de Bosnia

Cadea perpetua para dous ex xefes militares serbobosnios pola matanza de Srebrenica

O proceso, o máis grande xulgado polo TPI, comezou o 14 de xullo de 2006 e en total 315 persoas prestaron declaración.

Redacción - 17:25 10/06/2010
Ratko Mladic era o superior dos reos

Ratko Mladic era o superior dos reos

Dous ex responsábeis militares serbobosnios, declarados culpábeis de xenocidio polo seu rol na matanza de Srebrenica en 1995, foron condenados esta quinta feira á cadea perpetua polo Tribunal Penal Internacional (TPI) para a ex Iugoslavia. O proceso, o máis grande xulgado polo TPI, comezou o 14 de xullo de 2006 e en total 315 persoas prestaron declaración.

"A única pena que se impón é a reclusión a perpetuidade. Están polo tanto condenados á reclusión a perpetuidade", declarou o presidente da audiencia Carmel Agius dirixíndose ao ex tenente coronel Vujadin Popovic, de 53 anos, e ao ex coronel Ljubisa Beara de 70.

Os dous homes foron declarados culpábeis de xenocidio, crimes de guerra e crimes contra a humanidade, polas mortes e persecucións, e por planificar e organizar a execución de miles de varóns musulmáns do leste de Bosnia en xullo de 1995.

Vujadin Popovic "sabía que a intención non era só matar todos os que caían entre as mans das forzas serbobosnias senón a de matar a maior cantidade posíbel co obxectivo de exterminar un grupo", subliñou o xuíz Agius. Ljubisa Beara "converteuse na ferramenta desta matanza", agregou.

Outros cinco condenados
Outros cinco acusados, catro ex responsábeis militares e un outro ex policial, foron condenados a penas de entre 5 e 35 anos de prisión. Tres foron recoñecidos culpábeis de crimes de guerra e de contra a humanidade.

O tenente Drago Nikolic, de 52 anos, foi condenado a 335 anos de prisión por exterminio, asasinato e persecución. O comandante adxunto da policía especial do ministerio do Interior serbobosnio, Ljubomir Borovcanin, de 50 anos, foi condenado a 17 anos por asasinato, persecución e traslado forzado.

O tenente coronel Vinko Pandurevic, de 50 anos, foi recoñecido culpábel de asasinato, persecución e traslado forzado e foi condenado a 13 anos de prisión. Os xenerais Radivoje Miletic, de 62 anos, e Milan Gvero, de 72 , foron condenados respectivamente a 19 e 5 anos de prisión por crimes contra a humanidade.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: