Os liberais do VVD son quen conseguen máis escanos (31) dos 150 en xogo, un máis ca os socialdemócratas do PvdA
Rutte podería ser primeiro ministro
A formación de ultradereita Partido da Liberdade (PVV) resultou a gran vencedora das eleccións lexislativas adiantadas en Holanda, ao se converter na terceira forza política do Parlamento con 24 escanos, 15 máis ca os que tiñan. A CDA (democristiáns), do primeiro ministro saínte, Jan Peter Balkenende, cae ao cuarto lugar con 21 logo de perder 20.
Mais a formación que logrou máis representantes na Cámara Baixa foi o liberal de dereita VVD. O seu líder, Mark Rutte, ten a posibilidade de se converter no novo premier. Job Cohen, ex alcalde de Amsterdam e líder do socialdemócrata PvdA, que apañaron 30 (dous menos ca en 2006), podería ser o seu aliado na formación dun goberno de coalición.
Porén, os analistas consideran que esta alianza non sería fácil, dado que ambos os dous manteñen posturas case antagónicas en temas sociais. Ademais deberán contar co apoio de cando menos outros dous partidos para poder alcanzar a maioría parlamentaria. En calquera caso confírmase que á fronte do Goberno ha continuar unha formación da dereita.