Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O vindeiro sábado 12 de xuño

Roteiro en Aranga para "desconxelar" a memoria histórica

Unha acción emblemática nun dos lugares do país onde se calcula que máis represaliados poden estar enterrados en foxas anonimamente.

Redacción - 11:45 09/06/2010

"A algúns guindábannos desde a Ponte da Castellana, ás veces mesmo aínda vivos e atados". É un dos dramáticos testemuños que subliña Rubén Afonso, voceiro do Colectivo para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Esta ponte será xustamente unha das paradas do roteiro que organiza este sábado a asociación.

Un dos obxectivos desta acción é xa que logo convidar a xente das bisbarras do país a "recuperar as lembranzas deses anos de represión", un xeito de "desconxelar a memoria" histórica na altura desde século XXI onde, láiase o voceiro do colectivo, "aínda persisten os medos a falar de certas cousas: corenta anos de represión non pasaron en balde". Xa que logo, este tipo de actividades serven á vez como homenaxe ás persoas que deron a vida pola democracia e a liberdade e de paso alentan na procura de datos que axuden a poñerlle nome a moitas desas persoas asasinadas. Aranga, como cruce de camiños entre provincias, é exemplo de como procedían os represores na intención de borrar todo vestixio dos seus crimes e imposibilitar a busca dos corpos por parte de súas familias. Os historiadores cren que pode ser un dos lugares do país onde maior número de vítimas da represión franquista se atopan nun conxunto de foxas comúns.

Por outra parte, e á luz das últimas novidades ao respecto da responsabilidade pública na exhumación das foxas, desde o colectivo coruñés agardan que a vontade de modificación da lei de memoria histórica non quede no papel, que se acheguen orzamentos e que as administracións se comprometan de verdade na exhumación e identificación das vítimas do franquismo. O Parlamento de Cataluña foi pioneiro hai un ano no estabelecemento dun marco xurídico a este respecto.

Alén dos que desexen facer o percorrido nos seus vehículos particulares, o colectivo porá un bus gratuíto a disposición de quen queira unirse á actividade. O percorrido é o seguinte:

17horas: saída do aparcamento da Torre de Hércules
17h15: parada en San Pedro de Mezonzo
18h15: Praza de Betanzos
19h15: Santa Mariña (Guitiriz)
20h: Ponte da Castellana
20h30: Cemiterio de Vilarraso
21h: Aranga
22h: Cea de confraternidade, coa actuación de Mini e Mero, do grupo A Quenlla. O roteiro vai acompañado do grupo de gaiteiros 'Os azoughados de Churío'. (A cea ten un prezo de 15 euros e poden apuntarse até o xoves 10 no teléfono 645029338)


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: