As autopsias confirman que Israel disparou a queimarroupa contra os activistas.
O buque humanitario Rachel Corrie está a ignorar as advertencias emitidas polo Exército israelí para que desembarque a súa carga, con destino a Gaza, no porto de Ashdod baixo a supervisión dos militares, segundo informaron as Forzas de Defensa de Israel nun comunicado que recollen as axencias internacionais.
"Os organizadores do barco elixiron ignorar o convite para descargar no porto de Ashdod, desde onde sería transferido o material á Faixa de Gaza após a inspección pertinente", de acordo coa nota, que se pode consultar no blog da Oficina do Portavoz do Exército.
Con todo, Jenny Graham, unha dos 15 activistas irlandeses que viaxan a bordo do navío, confirmou á ONG Campaña de Solidariedade con Palestina en Irlanda (IPSC), que os equipos de comunicacións foran inhibidos pola Armada israelí e que esperaban que o seu teléfono satélite tamén fose bloqueado de xeito inminente, segundo informou Free Gaza a través dun comunicado.
Disparos a queimarroupa
Os nove cidadáns turcos que morreron esta semana no asalto israelí á flotilla humanitaria con destino a Gaza recibiron un total de 30 disparos e cinco destes morreron por tiros na testa, informa o diario The Guardian, que tivo acceso aos informes das autopsias realizadas este venres por orde do Ministerio de Xustiza turco.