Zapatero intenta á desesperada que sindicatos e empresarios cheguen a un pacto para a reforma laboral e reitera que aprobará o decreto en xuño.
O goberno español tiña posto o día 31 de maio como data límite para chegar a un acordo con sindicatos e patronal que permitise unha reforma consensuada do mercado laboral. Porén, as diferenzas entre os representantes dos traballadores e dos empresarios son nestes momentos insalvábeis e o acordo é imposíbel. O executivo de Zapatero decidiu dar unha prórroga para que ao longo desta semana continúe o díalogo. Aínda así, a vicepresidenta económica, Elena Salgado, subliñou que, pase o que pase, a reforma (aínda que sexa por decreto) vai estar aprobada antes de que remate o mes de xuño.
Os sindicatos presentes na negociación (UXT e CC.OO) acusan á gran patronal de tensar a situación até límites inadmisíbeis. Segundo estas fontes, as principais diverxencias teñen que ver co despedimento dos traballadores. Os representantes dos empresarios insisten na necesidade de rebaixar a indemnización por rescisión de contrato de traballadores indefinidos (algo ao que tamén é proclive o propio goberno) e, sobre todo, piden que se amplíen as causas de despedimento procedente.
Dende o mundo da patronal consideran que, debido á grave situación económica que se vive, é o momento de conseguir a máxima “flexibilidade” posíbel do mercado laboral, algo que a CEOE leva demandando dende hai anos. Así a patronal péchase en banda en tres puntos claves: Reducir a idemnización máxima por ano traballo de 45 a 33 días; facilitar o despedimento por causas obxectivas (que ten un custe máximo de 20 días por anos); e reducir as achegas á Seguridade Social.