Un proxecto cultural promove a creación dun espazo común e multi-disciplinar para que os artistas do Morrazo teñan onde exhibir as súas creacións.
'En conserva'. Este é o nome dun innovador proxecto que pretende dar visibilidade aos artistas do Morrazo. Tomando a fábrica de Massó como fío condutor, a iniciativa pretende crear un espazo común para que poidan exhibir as súas creacións á marxe das salas de exposición tradicionais.
Até o de agora, máis de 40 artistas de diferentes disciplinas artísticas xa se sumaron á iniciativa. Pintores, escultores, fotógrafos, ilustradores, xente do teatro, da literatura ou da música... están chamados a participar na idea. Cada un pode unirse ao proxecto achegando unha peza da súa creación, que despois será exhibida ao público nun evento que combinará mostras, proxeccións e actuacións en directo e que ten prevista a súa celebración o vindeiro 12 de xuño. A organización correrá a cargo da Asociación Cultural Deskarga Furtiva.
A maior fábrica de Europa
O tema común que lle dá unidade ao traballo é a antiga fábrica conserveira de Massó. A industria que durante décadas deu emprego tanto en Cangas como en Bueu a máis de un milleiro e medio de persoas actuará de fío condutor do conxunto de manifestacións artísticas.
Ademais de facer visíbel a creación artística da comarca, a iniciativa tamén propón achegar esta peza fundamental da historia recente ás novas xeracións, ao tempo que pretende facer lembrar ás máis veteranas o que supuxo a vida na fábrica. Así, proporá unha reflexión sobre a importancia social da conserveira, as repercusións económicas que tivo para a comarca, a súa arquitectura ou a propia relación da industria, daquela a maior fábrica de Europa no sector, coa cidadanía. A iniciativa tamén reivindica, finalmente, a conservación destes bens patrimoniais e chama a atención sobre o estado da fábrica de Salgueirón, actualmente abandonada e deteriorada e mesmo ao límite da ruína.