Unha vez máis, a rede demostrou estar ao carón da actualidade no Día das Letras. Ao fío da manifestación que en Compostela reuniu a milleiros de persoas rexeitando novamente o decreto do “plurilingüismo” e reivindicando a Uxío Novoneyra, o blogomillo súmase á defensa do galego recollendo imaxes, vídeos e análises sobre a xornada.
O levantador de minas, por exemplo, achéganos unhas pezas de vídeo que amosan o concorrido das rúas compostelás:
100 mil corazóns na defensa do galego, titula a súa crónica audiovisual. Tamén a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística se fai eco da noticia e, en concreto, a equipa do Instituto de Foz súmase cunha nova montaxe audiovisual no seu blog
xameentendes. Unha recompilación das imaxes publicadas na prensa ofrécenos a equipa de Ferrolterra,
Mil primaveras máis para a nosa lingua.
No blog de
Flores Versadas podemos ler a Letanía de Galiza, unha das pezas de Novoneyra máis reivindicadas neste día: “
De tanto calar, xa falo solo”. Ao tempo, en
Iniciarte toman man do Carrabouxo para reivindicar a galeguidade ao 100%,
Galizauberalles2 reflexiona sobre unha necesaria mudanza de estratexia no seu blog sobre política e lingua e
Milprimaveras achega unha novidosa
Mensaxe institucional para o Día das Letras. Tamén podemos ler en
echeoquehai unha análise da nota de prensa que este martes enviou o PPdeG ao respecto da manifestación, chea de grallas.
O Día das Letras tamén tivo presencia alén dos medios de comunicación galegos. Así, por exemplo, o xornal catalán Nationalia reflicte a información co titular:
Nova multitudinària jornada de reivindicacions a favor de la llengua a Galícia.