Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reino Unido

David Cameron, 'sangue azul' no 10 de Downing Street

Os conservadores volven ao poder 13 anos despois logo de chegar a un acordo para formar unha coalición cos liberais de Nick Clegg, que será o seu número dous.

Redacción - 10:00 12/05/2010
Cameron, recibido pola raíña

Cameron, recibido pola raíña

Os conservadores británicos volven ao poder 13 anos despois da man de David Cameron, logo de chegaren a un acordo para formar unha coalición cos liberais de Nick Clegg, que será o seu número dous. O novo primeiro ministro aceptou a invitación da raíña Elizabeth II, xefa do Estado, para formar Goberno unha vez que Gordon Brown presentou este martes a súa dimisión.

"Creo que esta é a forma correcta de fornecer a este país da forza, a estabilidade e o goberno decente que precisamos", afirmou Cameron á súa chegada ao número 10 de Downing Street, residencia oficial dos primeiros ministros británicos, onde tamén sinalou os graves "desafíos" que afronta o país.

George Osborne converterase no novo ministro de Economía e será quen teña que tomar as "medidas impopulares e difíciles para reducir o déficit", en declaracións a canle pública BBC, que Cameron anunciou durante toda a campaña electoral. William Hague será o titular de Exteriores, segundo as mesmas fontes.

Os liberal demócratas terán cinco ministros na coalición, onde o seu líder, Nick Clegg. Un seu descoido permitiu ao diario The Guardian captar os puntos chave do acordo, anotados a man polo propio líder liberal. A UE, a inmigración e o programa nuclear Trident aparecían en primeiro lugar, coma se fosen os asuntos onde os liberais non estaban dispostos a ceder.

En segundo lugar, Clegg escribía as siglas "AV", de voto alternativo, referíndose á reforma do sistema electoral para instaurar un máis representativo que o actual. Esta é a esixencia principal de Clegg, que se viu compracida en parte, pola oferta de referendo sobre dita reforma exposta polos conservadores.

'Sangue azul' no 10 de Downing Street
David Cameron, que se converte no primeiro ministro británico máis novo en 200 anos, naceu o 9 de outubro de 1966 en Londres, aínda que foi criado en Peasemore, condado de Berkshire, ao ocarón do castelo de Windsor. O seu pai foi corredor de bolsa e a súa nai é unha aristócrata inglesa, filla de Sir William Malcolm Mount, segundo barón de Wasing.

Cameron estudou desde os sete anos na Heatherdown Preparatory School, unha prestixiosa escola privada onde tamén estiveron os príncipes Andrew e Edward, e na adolescencia no exclusivo colexio de Eton. En Oxford acadou os mellores resultados da súa promoción en Filosofía, Políticas e Economía, e formou parte do Bullingdon Club, coñecido pola tendencia á embriaguez dos seus membros, a maioría aristócratas, e onde coincidiu co actual alcalde de Londres, Boris Johnson.

Unha carreira política meteórica levouno por diversos cargo de responsabilidade desde que se uniu ao departamento de investigación do Partido Conservador en 1988 (até 1993). Ademais tamén traballou durante sete anos como director de comunicación na empresa Carlton Comunications.

Cameron, que xunto coa súa esposa conta cunha fortuna persoal duns 40 millóns de euros, é un entusiasta admirador da ex primeira ministra británica Margaret Thatcher, é moi crítico coa Unión Europea. Ademais, defende a idea de impor un límite ao ingreso de inmigrantes ao país.


1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cameron e a súa dona, Samantha, á súa chegada a Downing Street este martes á noite
Cameron e a súa dona, Samantha, á súa chegada a Downing Street este martes á noite
Notas de Clegg para a negociación, captadas por un fotógrafo de 'The Guardian'
Notas de Clegg para a negociación, captadas por un fotógrafo de 'The Guardian'