Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ELECCIÓNS USC-SEGUNDA VOLTA

Casares Long e Fernández Prieto disputarán a reitoría

O catedrático de Enxeñería Química contou co 26,3% dos apoios e o catedrático de Historia Contemporánea sumou o 20,7%. A segunda volta será o 24 de maio.

Isabel G. Couso - 19:44 05/05/2010

Xoán Casares Long e Lourenzo Fernández Prieto. Estas serán as dúas candidaturas que concorrerán á segunda volta nas eleccións á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), nunhas novas eleccións que se celebrarán o vindeiro luns 24 de maio. Ambos sumaron o 46% dos votos ponderados emitidos pola comunidade universitaria, ben lonxe dos seus outros cinco competidores, Mercedes Brea, Pilar Bermejo, Laura Sánchez Piñón, Xaime Gómez e Xoán Varela.

Reparto de votos
En concreto, os votos repartíronse do seguinte xeito: Casares Long (A Coruña, 1950), catedrático de Enxeñería Química, foi o gañador co 26,3% dos votos, mentres que Lourenzo Fernández Prieto (Ribadeo, 1961), catedrático de Historia Contemporánea, sumou o 20,7%.

A catedrática de Filoloxía Románica, Mercedes Brea, foi a terceira co 14,2% dos votos, seguida de Pilar Bermejo, catedrática de Química Analítica, co 13,2%. A ex-conselleira de Educación e catedrática de Xenética Animal, Laura Sánchez Piñón, acumulou o 13,08% dos votos, o decano de Bioloxía, Xaime Gómez acadou o 8,6% e o catedrático de Anatomía Patolóxica Xoán Varela colleitou o 3,7%.

Casares Long: "A Universidade reaccionou"

"O resultado non fai máis que darme a razón e dinos claramente que a Universidade quere un cambio", valora Xoan Casares Long. En declaracións a Vieiros amósase moi ledo polos resultados acadados e interprétaos como "o resultado de catro anos de oposición e de formular a única oposición real na Universidade".

Ao respecto das súas esperanzas para a segunda volta, explica que confía nas súas opcións: "a Universidade reaccionou e veu a darnos a razón", afirma ao tempo que agradece o apoio recibido. Con todo, non adianta como afrontará as posíbeis alianzas e estratexias do seu contrincante que, previsibelmente, sumará apoios das candidaturas xa descartadas: "non é o momento de estratexias", di, "agora só teño a obriga de convencer aos votantes de aqueles que non pasaron á segunda volta, mais penso que é tempo para a celebración e o agradecemento", conclúe.

Fernández Prieto: "Enfrontaranse dous modelos"
Pola súa parte, Lourenzo Fernández Prieto tamén recibiu "con moita alegría" os resultados das votacións. "Fixemos o traballo que había que facer", afirma a Vieiros ao tempo que subliña a importancia deste apoio en relación coa alta participación coa que se pecharon os comicios (a Universidade aínda non ofreceu os datos definitivos).

"A Universidade falou e agora terá que facer unha escolla entre dous modelos definidos e enfrontados", di ao respecto da segunda volta, "un encarna á Universidade que foi e outro a que pode ser". Sobre as posíbeis alianzas, adianta que o seu obxectivo será "buscar a ampla maioría da opinión da comunidade universitaria". Asemade, xa pediu a celebración de tres debates con Xoán Casares Long, "un no campus Sur, outro no Campus Norte e un terceiro no Campus de Lugo". "Estou convencido", afirma, "de que Casares Long aceptará".

A campaña electoral volverá a iniciarse o próximo mércores 19 de maio. Desta volta durará so catro días e o vindeiro luns 24 procederase á nova votación. A proclamación definitiva do gañador será o 4 de xuño.


5/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo 1: Casares Long explica a Vieiros as principais liñas da súa candidatura

Vídeo 2: Fernández Prieto explica a Vieiros as principais liñas da súa candidatura

Resultados co voto ponderado e sen ponderar (clica para ampliar) / Fonte: USC
Resultados co voto ponderado e sen ponderar (clica para ampliar) / Fonte: USC
Senén Barro, que votou ao mediodía, deixará a reitoría despois de oito anos
Senén Barro, que votou ao mediodía, deixará a reitoría despois de oito anos
A participación foi moi elevada / Imaxe: USC
A participación foi moi elevada / Imaxe: USC