Na última declaración da renda, as organizacións non gobernamentais recadaron 263,6 millóns de euros para proxectos sociais.
Fronte ao aumento da exclusión social e a pobreza, as organizacións non gobernamentais chaman á solidariedade cidadán. Dende Galiza, varias organizacións están a promover a campaña “Marca a casiña de fins sociais na túa declaración da renda” que, unha vez máis, chama aos contribuíntes a concienciárense sobre a posibilidade de contribuír co 0,7% da súa cota íntegra a programas para os máis desfavorecidos.
Na última declaración da renda, en 2009, as ONG's recadaron 263,6 millóns de euros, fronte aos 245,4 do ano anterior. En concreto o 45,4% dos contribuíntes riscaron a casa de fins sociais, unha cifra que os cooperantes pretenden incrementar. Ademais, subliñan que este ano, marcar o “x” é máis urxente ca nunca, porque a crise disparou o número de persoas en situación de pobreza. As organizacións teñen, en suma, que facer fronte a maiores necesidades, mais contan con menos cartos porque todas as administracións rebaixaron as axudas (a Xunta un 16,4% menos).