Unha inxección de “Bio Jajá” será suficiente para poñer fin á chamada “tristeza bovina”, que afecta á lonxevidade e á reprodución dos animais.
Imaxe: Flickr: Zarzaparrilla
As vacas tristes precisan de terapia. Así o consideraron no Instituto Nacional de Tecnoloxía Agropecuaria (INTA) arxentino, quen vén de dar a coñecer o seu último achado científico contra a “tristura bovina”. A enfermidade coñecida con este nome correspóndese cun complexo de males causado por parasitos no sangue: a anaplasmose e a babesiose, que xeran síntomas similares aos dunha gripe ou unha depresión leve nos humanos. Afecta á lonxevidade e á reprodución das vacas, que reducen a súa produtividade e que mesmo pode ser letal cando se trata de casos severos.
Porén, a “tristura bovina” xa ten remedio: unha inxección de “Bio Jajá”. Este é o nome que recibe o achado científico, unha vacina ultra conxelada que permite combater o mal cunha soa aplicación. Este descubrimento podería ter un alto impacto na produción agropecuaria das rexións máis cálidas, onde é máis común a enfermidade. Só na Arxentina, os graves danos ocasionados na gandaría estímanse en 185 millóns de dólares.