O primeiro ministro e o seu principal socio de coalición protagonizaron un enfrontamento que pon de manifesto a inestabilidade do goberno.
O primeiro ministro Silvio Berlusconi e o seu principal socio de coalición protagonizaron esta quinta feira un enfrontamento público, elevando as tensións que ameazan a estabilidade do goberno conservador en Italia.
Nun estraño debate aberto entre os principais cargos da formación Pobo da Liberdade (PDL) de Berlusconi, o líder dereitista Gianfranco Fini, cofundador do partido en 2009, enumerou unha serie de críticas contra o estilo e a sustancia do liderado de Berlusconi.
O magnate dos medios, de 73 anos, tentou sen éxito en varias ocasión interrompelo. Así que Fini volveu sentar, Berlusconi, púxose en pé para rebater as críticas do seu rival de 58 anos, e advertiuno de que se quería participar en futuros debates do partido, debería dimitir como presidente da Cámara.
Nunha resposta visualmente impactante, Fini púxose en pé e camiñou cara á tribuna onde falaba Berlusconi sinalándoo co dedo e berrando: "Que estás a dicir? ... Bótasme?". Fini dixo despois que non dimitirá como presidente da Cámara e os seus partidarios aseguraron que tampouco abandonará o PDL.