Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIA BNG, PSdeG E SINDICATOS

“O peche do Hospital de Piñor é un chanzo máis na privatización sanitaria”

Dende a xerencia do centro subliñan que é un peche provisional, que non suporá deterioro na calidade asistencial e que se reabrirá no mes de outubro.

Redacción - 11:53 20/04/2010

Alén da polémica nos centros hospitalarios de Vigo e Pontevedra, coas continuas manifestacións da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública e doutros colectivos, a Xunta acaba de anunciar outra decisión na área sanitaria que xa está a xerar polémica. Desta volta, en Ourense, a Consellaría de Pilar Farjas notificou que o Hospital de Piñor pechará durante os meses de verán. O motivo son as obras da nova conexión da rede de saneamento e sumidoiros, que deixará sen actividade as plantas de hospitalización de pacientes, que serán desviados cara os edificios Cristal e Santa María Nai.

Traballadores, sindicatos e oposición, en contra
Tanto dende o PSdeG como dende o BNG piden que se revoque esta decisión e que o Hospital de Piñor manteña a súa actividade e servizos nas condicións nas que se viñan prestando. Segundo explica o deputado provincial Xosé Manuel Fírvida (BNG) “é un feito sen precedentes en Galiza, que se peche un hospital enteiro que actualmente está ocupado con doentes” e denuncia que “repercutirá na calidade da asistencia sanitaria que se lles presta aos ourensáns”.

Dende o BNG cuestionan a necesidade de pechar as 71 camas coas que conta o centro, tendo en conta que, malia ser un edificio de 1959, foi rehabilitado recentemente: “conta con instalacións moi boas, con habitacións amplas, luminosas e con cuartos de baño adaptados”. Ademais subliña que para a acometida de todas estas obras de rehabilitación non foi necesario o peche do centro, que si “impoñen agora para uns traballos de canalizacións de augas residuais que se van realizar basicamente no exterior do edificio”.

Na mesma liña se manifestaron o PSdeG e as centrais CCOO, UXT e CIG, en representación dos traballadores. Os sanitarios xuntaron máis de cinco milleiros de sinaturas contra este peche, que xa entregaron persoalmente á xerente do Complexo Hospitalario Ourense (CHOU), do que depende o Hospital de Piñor. Denuncian que o necesario traslado dos doentes deste centro ao Cristal levará canda si unha redución moi relevante do número de operacións que se van programar na área sanitaria, o que, á súa vez, incrementará as listas de espera.

Alén dos problemas puntuais que ocasionará este peche, dende o BNG apuntan a un “intento máis de camiñar cara a privatización”. Así o defende Fírvida, quen explica que “aos poucos foise desmantelando paulatinamente os servizos que ofrecía este hospital, como o caso dos coidados paliativos que antes ofrecía e agora xa non”, di, “percibimos certa estratexia cara a privatización do centro no futuro; a decisión de pechalo durante tres meses tememos que poida ser unha xogada para ir aclimatando á cidadanía e despois dicir que o seu peche definitivo non repercutiría na merma da calidade asistencial”. Nesta liña, pide que “a Consellaría explique cando vai volver abrir o hospital e en que condicións, se vai seguir funcionando tal e como o fixo até o de agora ou non”.

A xerencia insiste: “non se pechará o hospital”
Pola súa parte, a xerente do CHOU, Eloína Núñez (curmán de Alberto Núñez Feijoo), asegura que “non se vai pechar o Hospital de Piñor”: “será un peche temporal de tres meses e o centro reabrirase en outubro”. Segundo explica, “vamos aproveitar para facer obras pendentes e poñer o hospital en condicións e iso é mellor facelo sen pacientes”. Ademais, dende a Xerencia subliñan que o traslado dos doentes será positivo, xa que “agora tiñan que baixar continuamente a facer probas ao Cristal e xa non será necesario”.

Núñez destaca que “non afectará á calidade asistencial” e que, na práctica, non será un peche, xa que “o servizo de Medicina Física e Rehabilitación continuará funcionando”. Ademais explica que, en total, no Complexo Hospitalario de Ourense van pechar este verán 88 camas, menos que nos últimos anos (92 no 2008 e 97 no 2009). Finalmente reitera que “o peche de camas obedece a uns criterios racionais de coherencia no emprego dos cartos públicos, evitando deficiencias e mantendo toda a actividade clínica posíbel”.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Co peche do Hospital do Piñor, os pacientes trasladaranse a outros centros do CHOU
Co peche do Hospital do Piñor, os pacientes trasladaranse a outros centros do CHOU
As manifestacións contrarias á privatización da sanidade sucédense por todo o país
As manifestacións contrarias á privatización da sanidade sucédense por todo o país