O Tribunal de Contas investiga o gasto de fondos públicos que non estarían debidamente xustificados.
A Fundación Semana Verde de Galicia volve estar no centro da polémica. Esta semana trascendeu que o Tribunal de Contas ten indicios da existencia de delitos contábeis mentre que a entidade estaba presidida polo silledense Xosé Maril. Segundo afirma na súa edición deste martes La Voz de Galicia, o Tribunal de Contas prepara acción para que volvan ás arcas públicas os cartos que se cobraron de maneira irregular.
Os escasos mecanismos de control polos que pasaba a fundación foron denunciados por activa e por pasiva nos últimos anos. En 2007, o Consello de Contas difundiu un informe que destapaba graves disfuncións. O organismo resaltaba a existencia de adxudicacións pouco obxectivas ou o cobro de dietas e viaxes “pouco xustificábeis”.
Con máis de trinta anos de andaina, a Semana Verde non foi quen de ser o motor da Galiza agrícola, tal e como pretendía. En xaneiro de 2007, Vieiros daba a coñecer que na década dos 90 os gobernos presididos por Manuel Fraga tiñan destinado máis de 61 millóns de euros das arcas públicas a intentar dinamizar o recinto feiral de Silleda. Porén, a Semana Verde non foi quen de saír do seu letargo.
A Fundación Semana Verde está ligada dende os seus inicios a un nome: Xosé Maril. O silledense mantivo a presidencia até hai pouco máis dun ano. Os estatutos da fundación blindárono cando comezou a caer en desgraza cos gobernos do PPdeG e eses mesmos dificultáronlle moito ao bipartito o seu recambio. Como presidente da fundación, Maril cobraba máis que o propio presidente da Xunta (105 mil euros brutos ao ano).
No verán de 2008, mentres que os traballadores se mobilizaban polo temor á creba da Semana Verde, o daquela conselleiro de Presidencia, Méndez Romeu, era diáfano: "Parece que o señor Maril considera que en lugar de estar nunha Fundación estamos ante unha empresa persoal e xuridicamente non é así". Agora o Tribunal de Contas, e quen sabe se a xustiza ordinaria, ten que aclarar a xestión dunha fundación que recibía numerosas achegas das administracións públicas.